A International Staff Week “Smart Industry” reunirá no Campus Industrial de Ferrol a persoal investigador e de administración de 16 universidades europeas

Ferrol, 30 de setembro de 2022.- A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, e a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, reciben, este luns 3 de outubro, ás 09:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán, aos 20 participantes na Internacional Staff Week “Smart Industry and its implications for universities” que organiza, entre o 3 e o 7 de outubro, o Campus Industrial de Ferrol en colaboración coa Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade da Coruña.

Ao longo da semana, o persoal investigador e de administración de 16 universidades de 14 países europeos – Grecia, Letonia, Hungría, Romanía, Croacia, Italia, Portugal, Polonia, Alemaña, Francia, Estonia, Turquía, Bulgaria, Austria e Reino Unido – coñecerá as escolas e facultades do Campus Industrial de Ferrol, visitará o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), o Edificio de Talleres – adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) – e a Biblioteca Casa do Patín. Do mesmo xeito, o mércores 5 de outubro, trasladarase ata o campus da Coruña onde visitará, entre outros, o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC).

No programa da Internacional Staff Week inclúese tamén unha xornada divulgativa na que o persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol afondará na súa experiencia en proxectos europeos de innovación educativa tales como o programa Erasmus +, na posta en marcha de titulacións internacionais como o Máster Erasmus Mundus SustainablE Ship And Shipping SEAS 4.0 que se imparte desde o curso 2021/22 na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e os avances realizados no marco do Programa Green Campus.

A proposta realizada polo Campus Industrial de Ferrol e a Oficina de Relacións Internacionais para estes cinco días inclúe tamén un curso de introdución ao español e varias visitas guiadas pola cidade departamental e os concellos limítrofes.

O Campus Industrial de Ferrol e a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) organizan, do 3 ao 7 de outubro, a Internacional Staff Week “Smart Industry and its implications for universtites” na que participa persoal investigador e de administración de 16 universidades de 14 países europeos.
O Campus Industrial de Ferrol e a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) organizan, do 3 ao 7 de outubro, a Internacional Staff Week “Smart Industry and its implications for universtites” na que participa persoal investigador e de administración de 16 universidades de 14 países europeos.