O Campus Industrial de Ferrol acolle a primeira microcredencial sobre dixitalización industrial que Siemens lanza en España

Ferrol, 19 de febreiro de 2026.- Un total de 40 estudantes de grao e de máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) cursarán, ao longo deste 2026, sen horarios e ao seu propio ritmo, a microcredencial “Expedite – Skills for Industry”, desenvolvida por Siemens Digital Industries Software. Trátase dunha formación en liña, de 50 horas de duración e totalmente gratuíta para o alumnado da Universidade da Coruña (UDC) que nace como un dos primeiros proxectos piloto destas características que a empresa de fabricación industrial alemá lanza en Europa e o primeiro en España.

A formación que hoxe, xoves 19 de febreiro, arrinca no Campus Industrial de Ferrol está dirixida a aquel alumnado e a aquelas persoas profesionais do eido da enxeñaría que buscan mellorar a súas competencias profesionais neste campo. O estudantado inscrito nesta microcredencial conectará a teoría adquirida nas aulas con coñecementos do mundo real, centrados no ciclo de vida do produto e nas aplicacións de tendencia da Intelixencia Artificial (IA), no xemelgo dixital, na enxeñaría sostible ou na internet das cousas (IoT).

A maiores, esta formación introduce e fortalece determinadas capacidades críticas no lugar de traballo como poden ser a colaboración, a xestión de proxectos, os procesos e solucións empresariais ou mesmo a xestión de riscos. Unha vez superada a microcredencial, o alumnado participante recibirá unha insignia dixital verificable o que lle brindará unha oportunidade única para diferenciarse nun panorama altamente competitivo.

Con esta iniciativa, o Campus Industrial de Ferrol pon novamente de manifesto o seu compromiso coa posta en marcha de formacións innovadoras, conectadas coa industria e orientadas a mellorar a empregabilidade do estudantado. Do mesmo xeito, tamén o sitúa como referente na incorporación de novas fórmulas de acreditación da aprendizaxe aliñadas coas tendencias internacionais no eido da educación superior. O éxito de acollida da microcredencial “Expedite – Skills for Industry”, na que quedaron máis de 30 persoas en lista de agarda, dá boa mostra disto.

A Aula Navantia-Siemens, un espazo pioneiro e inaugurado en 2022

A relación entre a Universidade da Coruña (UDC) e Siemens Digital Industries Software viuse reforzada en 2022 coa creación da Aula Navantia-Siemens, situada no Edifico de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Neste espazo pioneiro, o alumnado ten acceso ás ferramentas dixitais que emprega o estaleiro público para deseñar os seus buques e a súa creación forma parte dun dos eixos estratéxicos do Centro de Excelencia del Sector Naval (Cesena) que Siemens ten na cidade departamental, o da formación.

Baseada na contorna do xemelgo dixital, a Aula Navantia-Siemens do Campus Industrial de Ferrol permite deseñar un buque completo, desde a súa concepción inicial e simulación ata a fase final de servizo e mantemento.

de esquerda a dereita, Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; Juan Oliveira, director do técnico do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena), Javier Fernández, director do Cesena Siemens Digital Industries Software, e Vicente Díaz, director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), durante o acto de inauguración da microcredencial que tivo lugar onte, mércores 18 de febreiro, no Campus Industrial de Ferrol.
de esquerda a dereita, Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; Juan Oliveira, director do técnico do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena), Javier Fernández, director do Cesena Siemens Digital Industries Software, e Vicente Díaz, director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), durante o acto de inauguración da microcredencial que tivo lugar onte, mércores 18 de febreiro, no Campus Industrial de Ferrol.