Un hackathon sobre finanzas persoais sostibles reúne a próxima semana a 40 estudantes da UDC no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 24 de xaneiro de 2025.- Un total de 40 estudantes de grao e de máster da Universidade da Coruña (UDC) participarán, os días 28, 29 e 30 de xaneiro, nun hackathon sobre finanzas persoais sostibles que se desenvolve no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance e que terá lugar na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.

A xestión dos residuos urbanos, a alimentación sostible, o consumismo ou a capacidade de aforro da mocidade serán algúns dos temas nos que afonde o alumnado participante, dividido en grupos de non máis de 5 ou 6 persoas. O Campus da Coruña estará representado polo estudantado dos Graos en Administración e Dirección de Empresas e de Economía, así como polo alumnado do Máster en Banca e Finanzas. Pola súa banda, o Campus Industrial de Ferrol estará representado por mozos e mozas que cursan os graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Xestión Industrial da Moda e en  Relacións Internacionais.

Para acadar o seu obxectivo, o estudantado contará co apoio dun grupo de persoas expertas, entre as que figuran a consultora Maika R. Freire; a xornalista Eva Mazás; a experta en empredemento María Teresa Deus; o profesor do IES Salvador de Madariaga da Coruña Rodrigo García-Muñoz; o profesor do Colexio Tirso de Molina de Ferrol, José Juan Álvarez; a pedagoga Maite García; a emprendedora Lucía Mato, o socio de Seniors Españoles para la Cooperación Técnica (SECOT), Sergio Martínez; o enxeñeiro naval Vicente Irisarri e os profesores da Universidade da Coruña (UDC), Javier Orosa, Jorge Pérez e Félix Puime.

O profesor da Facultade de Economía e Empresa, no Campus da Coruña, Joaquín Enríquez, quen tamén imparte docencia no Campus Industrial de Ferrol, concretamente nas Facultades de Humanidades e Documentación e Ciencias do Traballo, será o encargado de coordinar unha actividade que levará ao equipo gañador ata a cidade grega de Tesalónica no mes de abril, onde presentará a súa proposta de material educativo xunto con outros estudantes de Chipre, Grecia e de Lituania.

Explorando sinerxías entre a sustentabilidade e as finanzas da mocidade

Identificar e promover sinerxías entre a sustentabilidade e a educación financeira da mocidade para tratar de resolver os retos de benestar aos que se enfronta a sociedade actual. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora da Facultade de Economía e Empresa, Begoña Álvarez.

A organización Centre for Competence Development Cyprus (COMCY) de Chipre coordina unha iniciativa de innovación docente na que tamén participa a entidade social Infinity Greece de Grecia, a Vytauto Didžiojo Universitetas (VDU) de Lituania e a Universidade da Coruña (UDC) de España.

O Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance está financiado pola Comisión Europea (CE) e conta cun orzamento total de 120.000 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 30.000 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto, centrada na construción dunha percepción financeira unificada das finanzas persoais sostibles entre as organizacións, as institucións e os centros de educación superior que conforman o consorcio.

Acompañan a Begoña Álvarez neste proxecto os tamén profesores da Facultade de Economía e Empresa, Joaquín Enríquez, Dolores Lagoa, Susana Iglesias, Laura Varela e Andrea Teira quen están a avanzar na medición do grao de alfabetización financeira sostible existente en Chipre, Grecia, Lituania e en España e na creación de materiais educativos que sirvan para fomentar unha educación financeira sostible, actualizada e baseada nas lagoas formativas detectadas no marco desta iniciativa de innovación docente.

a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acollerá, os días 28, 29 e 30 de xaneiro, un hackathon sobre finanzas persoais sostibles no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Facultade de Economía e Empresa, Begoña Álvarez.
a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acollerá, os días 28, 29 e 30 de xaneiro, un hackathon sobre finanzas persoais sostibles no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ ImpactFinance que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Facultade de Economía e Empresa, Begoña Álvarez.