A exposición itinerante Mulleres Enxeñeiras de Éxito poderá visitarse na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol ata o vindeiro luns 16 de maio

Ferrol, 9 de maio de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor), Macario Yebra, e o director comisionado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón, inauguran mañá, martes 10 de maio, ás 10:30 horas, na Aula de Posgrao da Escola, a exposición Mulleres Enxeñeiras de Éxito. Ao acto está previsto que asistan tamén a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, e o presidente de Coeticor Ferrol, Félix Ledo.

Mulleres de Éxito é unha exposición itinerante que ter por obxectivo dar a coñecer o papel e relevancia de 20 mulleres enxeñeiras ao longo da historia. No seu paso polo Campus Industrial de Ferrol, a mostra incorpora unha nova muller enxeñeira, a antiga alumna da Universidade da Coruña, Dubra Rodríguez López. A exposición, que se poderá visitar de xeito totalmente gratuíto ata o vindeiro luns 16 de maio, pertence á Unión de Asociacións de Enxeñeiros Técnicos Industriais e Graduados en Enxeñaría da rama industrial de España (UAITIE) da que Coeticor é asociado provincial.