A UDC abre no Campus Industrial de Ferrol a Aula Navantia-Siemens de formación en transformación dixital do sector naval pioneira en España

  • Esta aula pioneira foi inaugurada esta mañá polo vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e o reitor da UDC, Julio Abalde; coa presenza do alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas; o director do CESENA, Javier Fernández; e o director de Navantia Ría de Ferrol, Eduardo Dobarro.
  • Os contidos da aula están completamente aliñados coas soluciones ‘end to end’ que Navantia está implementando no seu programa de transformación dixital e coas ferramentas que se incluirán no PERTE Naval, recentemente aprobado.
  • A Aula Navantia-Siemens converte ao Campus de Ferrol no primeiro de España en dispoñer de ferramentas específicas avanzadas na construción naval.

 

Ferrol, 4 de xullo de 2022.- A Universidade da Coruña posiciónase na élite da formación naval tras asinar un acordo con Siemens para poñer en marcha unha Aula no Campus Industrial de Ferrol coa que impulsar a formación en transformación dixital do sector. O reitor, Julio Abalde, e o director do Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA) de Siemens, Javier Fernández, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a dotación dunha aula específica coas ferramentas de Siemens para a construción naval.

Esta aula pioneira foi inaugurada, posteriormente, polo vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, e o reitor da UDC, Julio Abalde; e contou coa presenza do alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, así como de Javier Fernández, director do CESENA, e o director de Navantia Ría de Ferrol, Eduardo Dobarro.

Asistiron tamén outros directivos e representantes de Siemens, Navantia, da Universidade da Coruña e do Campus Industrial de Ferrol e as principais empresas e clústers da comarca de Ferrol.

Os contidos desta aula, bautizada Navantia-Siemens, estarán aliñados coas soluciones tecnolóxicas ‘end to end’ que Navantia xa implementa no seu programa de transformación dixital e coas ferramentas que se incluirán no recentemente aprobado PERTE Naval. A aula forma parte dun dos eixos estratéxicos do CESENA, a formación. Recentemente este Centro lanzou o programa educativo Marine Digital Twin, que ten como obxectivo certificar aos profesionais da industria naval arredor de todas as tecnoloxías relacionadas co Xemelgo Dixital e Estaleiro 4.0.

O acordo coa Universidade da Coruña está baseado neste programa formativo e o obxectivo é que o Campus Industrial de Ferrol conte con todas as tecnoloxías que Siemens integra no seu portfolio Xcelerator. O estudantado poderá formarse nas ferramentas de deseño naval, como son NX ou Foran; de simulación e validación do deseño, entre as que se inclúen Star CCM+ ou Heeds; de simulación do estaleiro, como é o caso de Plan Simulation; de PLM, como é TeamCenter; de acceso ás plataformas de IoT, a través de MindSphere; e de programación de low code, entre as que destaca Mendix.

Todas estas ferramentas, no contorno do Xemelgo Dixital, permiten a fabricación dun buque completo, desde a súa concepción inicial ou simulación, ata a fase final de servizo e mantemento. Un revolucionario concepto que logra aforrar tempo na posta en marcha dos proxectos, reducir custes e acadar unha maior flexibilidade e eficiencia na produción.

O acordo tamén contempla o acceso á plataforma educativa Xcelerator Academy, que inclúe un completo programa de cursos para que tanto o alumnado como o profesorado poida formarse nas ferramentas dixitais incluídas no acordo.

O reitor explicou que este Aula se enmarca dentro dunha liña estratéxica que a UDC puxo en marcha hai seis anos que é que “a Universidade sexa entendida como unha institución de colaboración para o sector industrial aportando coñecemento, investigación e desenvolvemento”. Froito desta liña estratéxica naceu a Unidade Mixta de Investigación (UMI) da UDC con Navantia, coa que se desenvolveron proxectos do estaleiro 4.0. Abalde subliñou que Siemens, como empresa referente no seu sector a nivel internacional, “é o mellor socio que poderiamos ter para que o noso alumnado salve ese gap tecnolóxico entre a formación que recibe nas aulas e as necesidades do mercado laboral, posto que o estudantado aprenderá coas bases tecnolóxicas que despois usará no seu desenvolvemento profesional”.

Para Javier Fernández, director do CESENA, “non existe transformación dixital da industria naval sen o talento que o acompaña e este convenio é o primeiro paso nesta liña”. “Esperamos que o estudantado da UDC se forme e acceda ao mercado laboral co coñecemento de vangarda que aporta esta Aula”, continuou.

O director de Navantia Ría de Ferrol agradeceu á Universidade da Coruña “esa flexibilidade para detectar as necesidades de Navantia” e destacou que o alumnado do Campus de Ferrol terá unha formación moi útil ao aprender coas mesmas ferramentas coas que se traballa en Navantia.

O vicepresidente subliñou tamén a aposta que se está a facer no Campus polo talento e agradeceu tanto a Navantia como a Siemens e á UDC o traballo conxunto “pola formación de futuro”. Francisco Conde felicitou tamén ao Campus Industrial de Ferrol “por esa vocación permanente de innovación” e avanzou que a Xunta está avaliando a proposta da UDC de creación dun centro de investigación conxunto con Navantia con carácter permanente.

Pola súa banda, ao alcalde de Ferrol aproveitou o acto para demandar da Xunta a constitución dun Clúster da industria de Defensa. Tanto a subdelegada do Goberno como o presidente da Deputación valoraron a importancia desta nova aula para a formación dos universitarios.

Siemens, na súa estratexia de apoio ao sector naval en España, converteuse no seu socio tecnolóxico de referencia durante os últimos anos. O primeiro fito produciuse en novembro de 2019, cando Navantia elixiu á compañía como socio tecnolóxico para afrontar a transformación dixital do Estaleiro 4.0. Unha alianza sen precedentes que aplicaba por primeira vez o concepto de Xemelgo Dixital para a fabricación dun buque completo no novo programa das Fragatas F-110.

Ademais da implantación do CESENA en Ferrol, a aposta de Siemens polo sector naval español culminou coa participación xunto con Navantia e Pymar no Programa de Transformación do Sector Naval, que inclúe a revolución dixital dos estaleiros públicos e privados españois e toda a súa cadea de subministro. Cando se desenvolva este plan, espérase a creación de 1.700 novos empregos de alto valor engadido, cualificaranse en tecnoloxías dixitais a máis de 30.000 traballadores e reduciranse as emisións de CO2 en 50.000 toneladas.

Sobre Siemens Digital Industries

Siemens Digital Industries (DI) é un líder innovador en automatización e dixitalización. En estreita colaboración con socios e clientes, DI impulsa a transformación dixital nas industrias de procesos e discretas. Co seu porfolio de Digital Enterprise, DI ofrece ás empresas de todos os tamaños un conxunto completo de produtos, solucións e servizos para integrar e dixitalizar toda a cadea de valor. Optimizado para as necesidades específicas de cada industria, o porfolio único de DI apoia aos clientes para lograr unha maior produtividade e flexibilidade. DI engade constantemente innovacións ao seu porfolio para integrar as tecnoloxías de vangarda do futuro. Siemens Digital Industries ten a súa sede central en Nuremberg, Alemaña, e conta cuns 75.000 empregados en todo o mundo.

Sobre Siemens AG

Siemens AG (Berlín e Múnich) é un grupo tecnolóxico líder a nivel mundial que desde hai 170 años é sinónimo de excelencia tecnolóxica, innovación, calidade, fiabilidade e internacionalización. A compañía está presente en todo o mundo co foco en infraestruturas intelixentes para edificios e distribución de enerxía, así como solucións de automatización e dixitalización para industrias de procesos ou discretas. Siemens une o mundo dixital e físico para crear valor tanto a clientes como á sociedade. Con Mobility, provedor líder de solucións de mobilidade intelixente para o transporte ferroviario e por estrada, Siemens está axudando a dar forma ao mercado mundial no servizo de pasaxeiros e mercadorías. A través da súa participación maioritaria na empresa Siemens Healthineers, que cotiza en bolsa, Siemens é tamén provedor líder de tecnoloxía médica e servizos de saúde dixitais. Ademais, Siemens ten unha participación minoritaria en Siemens Energy, líder mundial na transmisión e xeración de enerxía eléctrica que cotiza en bolsa desde o 28 de setembro de 2020. No ano fiscal 2020, que finalizou o 30 de setembro de 2020, o Grupo Siemens xerou uns ingresos de 57.100 millóns de euros e un beneficio neto de 4.200 millóns de euros. A 30 de setembro de 2020, a compañía conta con arredor de 293.000 empregados en todo o mundo sobre a base das operacións continuas. Para máis información: www.siemens.com