A Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia pecha a fase de consolidación constituíndose como un modelo de colaboración entre Universidade e industria

  • A UMI UDC-Navantia creouse en 2015 co apoio da Xunta de Galicia para dar soporte ao estaleiro no seu proceso de transformación cara unha industria 4.0. Neste tempo tivo unha primeira etapa inicial e esta segunda de consolidación. Ábrese agora unha nova fase na que se intensificará a colaboración entre a Universidade da Coruña e Navantia, como Centro Mixto de Investigación Estaleiro 5.0
  • Froito da investigación da UMI xurdiron proxectos como o “Buque sen cables” ou o “Xemelgo Dixital” que, co seu desenvolvemento, constitúen un fito na construción naval militar mundial.
  • Exponav acolleu esta mañá o acto de peche da fase de consolidación coa presenza do reitor da UDC, Julio Abalde; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o director de Navantia Ría de Ferrol, Eduardo Dobarro; e os codirectores da UMI UDC-Navantia, o director de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco, e o profesor da UDC e investigador principal da UMI, Pablo Fariñas.

 

A Coruña, 29 de abril de 2022.- O Museo da Construción Naval de Ferrol, Exponav, acolleu esta mañá o acto de peche da fase de consolidación da Unidade Mixta de Investigación Universidade da Coruña- Navantia “O estaleiro do futuro”, nun evento que contou coa presenza do reitor da UDC, Julio Abalde; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o director de Navantia Ría de Ferrol, Eduardo Dobarro; e os codirectores da UMI UDC-Navantia, o director de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco, e o profesor da UDC e investigador principal da UMI, Pablo Fariñas.

O acto serviu para dar a coñecer o traballo realizado nas dúas fases da UMI, unha primeira, de creación, entre 2015 e 2018 e unha segunda, de consolidación, no período de 2018 a 2021. Ambas partes, Universidade e Estaleiro pretenden agora continuar cunha seguinte fase na que se intensificará a colaboración como UMI Centro Mixto de Investigación Estaleiro 5.0.

De feito, o reitor subliñou que máis que un acto de peche o de hoxe “é inauguración da nova etapa porque ambas as dúas institucións estamos dispoñibles para seguir traballando”. Abalde lembrou que o inicio hai seis anos da UMI coincidiu co comezo do seu mandato como reitor da UDC, no que o seu equipo de goberno se marcou como obxectivo que “a UDC fose un elemento dinamizador social e economicamente das comarcas nas que se asenta, A Coruña e Ferrol”, e isto pasa, explicou o reitor “por poñer á disposición do sector empresarial o potencial investigador da UDC para que as empresas sexan máis competitivas”. “A UDC ten que axudar a que a industria sexa máis competitiva, avanzada e innovadora”, enfatizou engadindo que ese reto foi tamén o xerme da especialización de Ferrol como Campus Industrial. Finalmente, Abalde agradeceu a implicación de Navantia nesta UMI, así como o apoio de GAIN.

“A colaboración entre Navantia e a UDC, e en particular co Campus Industrial de Ferrol, é unha historia de éxito que queremos continuar. É unha colaboración que nos enriquece a ambos e que xera beneficios para a sociedade, porque contribúe a impulsar o talento e a que a comarca sexa punteira tecnoloxicamente”, sinalou Eduardo Dobarro.

A directora de GAIN destacou que “Navantia é un estaleiro de futuro cun presente moi prometedor” e apuntou que na nova construción das fragatas a UMI UDC Navantia ten un papel fundamental coa súa contribución tecnolóxica innovadora. “Esta UMI deu numerosos avances no eido tecnolóxico”, remarcou, engadindo que “confío en que a nova proposta da UMI UDC-Navantia sexa das seleccionadas” para recibir financiamento da Xunta nunha nova etapa que se abre xa como UMI Centro Mixto de Investigación Estaleiro 5.0.

Para o director de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco, con este proxecto “demostramos que traballar conxuntamente e transferir tecnoloxía aplicada entre Universidade e a empresa é unha oportunidade tanxible de mellorar a nosa industria. É unha ferramenta de tracción da colaboración e soporte á dixitalización do tecido industrial, de desenvolvemento de talento preparado para enfrontar os retos que xa están aquí”.

A UMI UDC-Navantia naceu co obxectivo de avanzar na mellora tecnolóxica dun estaleiro que desenvolve produtos de primeiro nivel mundial, no desenvolvemento dos retos dun futuro dixitalizado. Fundamentalmente, os obxectivos centrábanse na mellora da produtividade nos seus procesos e da competitividade fronte aos seus competidores, ademais de emerxer no mundo 4.0, segundo explicou o investigador principal da UMI, o profesor da UDC, Pablo Fariñas.

Dado que o foco principal eran os procesos, as liñas de investigación orientáronse, nun principio, a dúas áreas diferenciadas. Por un lado, á optimización dos procesos no estaleiro e por outro á implementación das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na construción de buques. A rápida evolución da tecnoloxía levou, posteriormente, a diversificar as actuacións con algunhas liñas de investigación orientadas tamén ao produto, xurdindo algunhas iniciativas entre as que destaca o proxecto de “Buque sen cables” e o desenvolvemento do “Xemelgo Dixital do Buque”, actuacións que co seu posterior desenvolvemento constitúen un fito na construción naval militar mundial.

A UMI mobilizou un investimento total de 4,8 millóns de euros, dos que Navantia aportou preto de 3M€; a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, 1,3M€ e a UDC case 0,5M€. O proxecto involucrou a 154 investigadores, 42 deles de nova contratación. Abríronse finalmente 16 liñas de investigación que comprenden a modelización e optimización de procesos, os xemelgos dixitais, a internet das cousas e a realidade aumentada e virtual, entre outras. Todas estas liñas son clave para que Navantia se manteña na punta de lanza tecnolóxica e o estaleiro de Ferrol no polo industrial da construción de fragatas, os buques de superficie máis complexos que existen.

Estes proxectos están aliñados co plan estratéxico de Navantia e o seu Plan de Transformación Dixital, destinado a transformar Navantia nun Estaleiro 5.0, máis competitivo, eficiente, áxil e sustentable.

Os resultados destes anos de traballo deixan unha patente, un rexistro industrial, cinco procedementos desenvolvidos, tres algoritmos, 10 modelos / pilotos, máis de 95 publicacións científicas, catro teses de doutoramento e outras sete en curso e máis de 50 presentacións en congresos científicos, así como once entidades que colaboraron co proxecto. Estas cifras dan conta da magnitude da UMI UDC-Navantia cualificada pola Xunta de Galicia como un modelo de éxito de colaboración entre a Academia e a industria.