A Universidade da Coruña inaugura no Campus Industrial de Ferrol a Aula Navantia-Siemens para a formación naval

Ferrol, 1 de xullo de 2022.- O salón de actos do Campus Industrial de Ferrol acollerá o vindeiro luns, 4 de xullo, o acto de inauguración e presentación da Aula Navantia-Siemens.

O acto comezará ás 11:00 horas coa apertura institucional a cargo do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. Asistirán ademais o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director de Navantia Ría de Ferrol, Eduardo Dobarro; e o director do Centro de Excelencia do Sector Naval de Siemens, Javier Fernández, con quen o reitor asinará o protocolo de colaboración entre a UDC e Siemens Industry Software SLU.

A continuación, ás 11:30 horas, Juan Oliveira, responsable para a Transformación Dixital do Sector Naval de Siemens, Mónica Landeira, integrante da área de Transformación Dixital e Industrial de Navantia, e Ana Ares, directora do Campus Industrial de Ferrol farán unha breve presentación da Aula.

O vicepresidente da Xunta de Galicia descubrirá a placa que figurará na Aula Navantia-Siemens no Edificio de Talleres do Campus Industrial de Ferrol, para clausurar o acto co reitor, Julio Abalde.