Alumnado de Doutoramento e persoal posdoc poñen en valor o talento investigador do Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 27 de xuño de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, inauguraron este luns, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación, a I Xornada de Doutorandos/as e Posdoutorandos/as do campus ferrolán.

Na súa intervención, Julio Abalde gabou o traballo realizado polo Campus Industrial de Ferrol no eido da captación, formación e retención de talento citando como exemplo as convocatorias “Talento investigador” e “Talento en formación” que incorporarán en breve a catro estudantes predoc e dous posdoc ao campus e as axudas do programa de Doutoramento Industrial. Do mesmo xeito, o reitor da Universidade da Coruña salientou que estas accións servirán para fortalecer aos grupos de investigación e ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) ao tempo que se articulan como un mecanismo de rexuvenecemento do profesorado do Campus Industrial de Ferrol.

Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, invitou aos participantes na xornada a aproveitar ao máximo o espazo de coñecemento e debate facilitado polo Campus Industrial de Ferrol para crearen novas sinerxías. Nesta mesma liña se pronunciou o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, quen os convidou a traballar non só de xeito individual senón a través de equipos multidisciplinares. Por último, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, agradeceu a participación de todo o persoal investigador e invitouno a seguir traballando e buscando nos puntos de encontro nos eidos da robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore a xestión industrial e o desenvolvemento do produto.

 

Listaxe de intervencións

David Sánchez Canzobre (doutorando industrial) “Desenvolvemento dun sistema de control de presenza e actividade de baixo custo baseado en tecnoloxía láser

Francisco Bottero (doutorando) “Modelización numérica do comportamento estrutural da rede en artes de pesca de arrastre”

Silvia Lage Rivera (doutoranda) “Novos polímeros compostos con lignina adecuados para impresión 3D e con aplicacións no almacenamento de enerxía”

Alán Luaces Mesías (doutorando) – “Fabricación aditiva de multimateriais metálicos funcionais con composición gradual”

Jesika Asatryan (doutoranda) “Estudo da estrutura semiparacristalina dos polímeros semincondutores”

Zoia Haholkina (posdoutoranda) – “Obtaining and properties of phenol sorbents based on water-soluble glycocopolymers and blocked isocyanates”

Florian Michaud (posdoutorando) “Modelo biomecánico do xeonllo para a simulación preditiva das tensións ligamentosas como axuda ao proceso de decisión do tratamento clínico: artroplastia total de xeonllo” (en liña)

Francisco Javier Rodríguez Dopico (doutorando) “Estudo do comportamento dun adhesivo estrutural exposto á auga de mar e sometido a cargas constantes para a súa aplicación en construción naval”

Anja Schmift (doutoranda) “Development of new biodegradable and sustainable materials base don polyhydroxyalkanoates”

Goretti Arias Ferreiro (doutoranda) “Desenvolvemento de resinas condutoras fotocurables para fabricación aditiva”

Danny Moncada Villalobos (doutoranda) “Hidroxeles inxectables baseados en biopolímeros físicamente reticulados para aplicacións biomédicas”

Mercedes Pereira Rodríguez (doutoranda) “Estudos da susceptibilidade das estruturas téxtiles á liberación de microfibras”

Cristina Prado Acebo (doutoranda) “Escenarios físicos de aprendizaxe. Deseño e influencia do espazo arquitectónico no proceso de ensinanza-aprendizaxe” (en liña)

Foto 1: De esquerda a dereita, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, durante a inauguración da xornada no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación.