mayo 30, 2022

Semana CIF conectando a Universidade e a Empresa

Imaxe promocional das xornadas Semana Campus Industrial de Ferrol: Conectando universidade e empresa que acollerá o Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán do 30 de maio ao 1 de xuño.

Ferrol, 25 de maio de 2022.- O Salón de Actos Concepción Arenal acollerá, do luns 30 de maio ao mércores 1 de xuño, a Semana Campus Industrial de Ferrol: Conectando universidade e empresa, unhas xornadas coas que se pretende conectar as necesidades e retos do tecido produtivo coas solucións que pode aportar a universidade en termos de capacidades I+D+i e de docencia. Ao longo dos tres días, distintos profesionais da empresa e investigadores da Universidade da Coruña afondarán nas necesidades e retos do sector da enerxía eólica mariña, da loxística, do naval, do metal-mecánico, do deseño e dos materiais.

O sector da enerxía eólica mariña e da loxística centrarán o estudo e debate da primeira das xornadas da Semana Campus Industrial de Ferrol: Conectando universidade e empresa a través de tres mesas redondas, a primeira delas afondará no potencial de desenvolvemento, desafíos e necesidades de innovación e recursos, a segunda nas perspectivas e retos do sector da enerxía en Galicia e a terceira nos desafíos e tendencias do sector loxístico.

A segunda das xornadas da Semana Campus Industrial de Ferrol: Conectando universidade e empresa inclúe tamén tres mesas redondas centradas na transformación dixital do sector naval, nas tendencias e innovacións no sector naval e nas necesidades formativas para afrontar os retos sectoriais e nos desafíos do sector metal-mecánico afondando nas tecnoloxías que acompañarán a transformación do sector poñendo especial énfase na incorporación de prácticas vinculadas á economía circular. Do mesmo xeito, o programa deste segundo día inclúe tamén varias intervencións nas que se presentarán as oportunidades que supoñen para as empresas os fondos Next Generation da Unión Europea organizadas polo IGAPE e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O deseño e os materiais serán os protagonistas da terceira e última xornada da Semana Campus Industrial de Ferrol: Conectando universidade e empresa. Inclúense dúas mesas redondas, a primeira centrada nas necesidades formativas do sector do deseño, a segunda na integración dos criterios de sustentabilidade e da reciclaxe nos novos materiais. A experiencia de colaboración coa empresa por parte da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), o traballo de investigación realizado desde o Campus Industrial de Ferrol no eido dos novos materiais e da circularidade e a experiencia da Materioteca de Galicia CIS – GAIN completan o programa.

Aquelas persoas ou empresas interesadas en participar nas xornadas terán que chamar ao 881 01 3674 ou enviar un email cos seus datos a transferencia.campus.industrial@udc.gal antes das 14:00 horas do venres 27 de maio. O aforo é limitado e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Programa das xornadas Semana Campus Industrial de Ferrol: Conectando universidade e empresa