O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, visita o Campus Industrial de Ferrol

De esquerda a dereita, María Jesús Movilla, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, directora do Campus Industrial, Ignacio Fernández López, técnico de Desenvolvemento Local, e Secundino García Casal, alcalde de San Sadurniño nun intre da visita ao Campus Industrial de Ferrol.

Ferrol, 7 de abril de 2022.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e a directora do Campus Industrial, Ana Ares, recibiron este xoves, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, ao alcalde do Concello de San Sadurniño, Secundino García Casal, e ao técnico de Desenvolvemento Local, Ignacio Fernández López, quen se amosaron moi interesados en explorar novas vías de colaboración coa Universidade da Coruña, e máis concretamente co Campus Industrial de Ferrol.

A xornada rematou cunha visita ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) e a varios dos laboratorios que a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) ten no Edificio de Talleres.