O Campus Industrial de Ferrol recibe ao alumnado da primeira promoción do máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 que acolle a Escola Politécnica de Enxeñaría

O alumnado da primeira promoción do Máster Erasmus Mundus SustainablE ship And Shipping SEAS 4.0. xunto coa vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, coa vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, coa directora do Campus Industrial, Ana Ares Pernas, e outras autoridades diante da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.

Ferrol, 14 de febreiro de 2022.- A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, a directora do Campus Industrial, Ana Ares Pernas, o director comisionado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón Pazos, o responsable de Transformación Dixital e Industrial en Navantia Ría de Ferrol, Rafael Morgade Abeal, e o director do Departamento de Arquitectura Naval en Navantia Ría de Ferrol, Fernando Lago Rodríguez, recibiron este luns, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, ao alumnado da primeira promoción do Máster Erasmus Mundus SustainablE ship And Shipping SEAS 4.0.

Ao longo da semana, os 22 estudantes matriculados no máster Erasmus Mundos SEAS 4.0 e procedentes de Brasil, India, Nixeria, Turquía, Kazajistán, Indonesia, España, Birmania, Perú, Guatemala, Ghana, Banglasdesh e Canadá visitarán a cidade departamental e os seus concellos limítrofes, o Museo da Construción Naval (EXPONAV) así como os estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene. Está previsto que mañá, martes 15 de febreiro, ás 10:00 horas, os reciba o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato Escalona, nun acto institucional no Pazo Municipal.

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle neste curso 2021/22 ao alumnado da primeira promoción do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0, unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval así como na construción e operación do buque. O proxecto, financiado pola Comisión Europea, naceu baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España) e a Universidade de Zagreb (Croacia).

A coordinadora principal do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 é a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade de Nápoles Federico II, Ermina Begovic. O responsable na Universidade da Coruña é o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría (Gii), Marcos Míguez González. No que atinxe á Universidade de Zagreb, a coordinación recaeu no profesor Jerolim Andric.

Clases en Nápoles, Ferrol e Zagreb

O máster SEAS 4.0 presenta un plan de mobilidade que leva ao estudantado a cursar o primeiro semestre na cidade de Nápoles, o segundo en Ferrol e o terceiro en Nápoles, Ferrol ou Zagreb segundo as súas preferencias. No que atinxe ao Traballo Fin de Máster (TFM) poderá realizalo en calquera das tres universidades que integran o consorcio, nas universidades asociadas ou ben nas sedes dos denominados socios industriais.

Ao seu remate, o alumno ou alumna recibirá dous títulos oficiais. O primeiro estará emitido pola Universidade de Nápoles Federico II e o segundo pola Universidade da Coruña. A maiores, obterán tamén un documento adicional no que se recollerá o itinerario cursado no terceiro semestre.

Máis de 3.500.000 euros para a súa posta en marcha

O proxecto presentado polo consorcio que integran a Universidade de Nápoles Federico II, a Universidade da Coruña e máis a Universidade de Zagreb foi seleccionado pola Education, Audiovisual and Culture Executive Agency (AECEA) da Comisión Europea (CE) no ano 2020 entre máis de 100 propostas. Para a posta en marcha do máster Erasmus Mundus SEAS 4.0, o consorcio obtivo unha financiación 3.527.000 euros dos que 220.000 serven para cubrir os gastos de xestión das tres universidades promotoras e o resto, 3.200.000 euros, empregaranse para cubrir a totalidade das bolsas do alumnado participante (mobilidade, matrícula e manutención).

Outras universidades e empresas do sector implicadas

Tanto na fase de previa de organización da docencia como durante o curso académico, o consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II, a Universidade da Coruña e máis a Universidade de Zagreb está a contar co apoio da Universidade Técnica de Hamburgo, da Universidade Técnica de Dinamarca, da Universidade de Amberes, da Universidade Federal de Río de Janeiro, da Universidade Memorial de Newfoundland, da Universidade de Tasmania, do Touro College de Berlín e máis do centro de supercomputación CINECA.

A maiores, o programa formativo conta co respaldo de 28 empresas e institucións do sector entre as que salientan as españolas Navantia, Ghenova Ingeniería, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, Naviera Armas, Astilleros C.N.P. Freire, MAN España ou Oliver Design. A nivel europeo, destacan outros socios industriais como poden ser Grimaldi, Bureau Veritas, Lloyds Register, DNV-GL ou BMT Defence and Security.

 

Máis información: http://www.master-seas40.unina.it/