O reitor da UDC, Julio Abalde, e o bispo Fernando García, asinan o convenio de creación da Cátedra Diocese de Mondoñedo-Ferrol Universidade da Coruña

A Coruña, 22 de xuño de 2022.- O Campus Industrial de Ferrol acolleu esta mañá o acto de firma do convenio polo que se crea a Cátedra Diocese de Mondoñedo-Ferrol Universidade da Coruña. O reitor da UDC, Julio Abalde, e o bispo, Fernando García Cadiñanos, asinaron o acordo, nun evento que contou coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e a nova directora da Cátedra, Rocío Ameneiros, profesora da Facultade de Humanidades e Documentación, en representación deste centro acudiu a secretaria académica, Pilar Comesaña.

Ademais, asistiron o delegado diocesano de Cultura, Benito Méndez Fernández e o arquiveiro-bibliotecario da diocese, Carlos Alonso Charlón.

Para o reitor da UDC, a creación desta Cátedra “institucionaliza unha relación existente hai tempo entre as dúas institucións a través da Facultade de Humanidades e Documentación e, en concreto, co Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación”. “A colaboración entre as dúas institucións é boa para o Campus Industrial de Ferrol e para a cidade que ve como se aliñan as entidades para avanzar en beneficio da sociedade”.

Pola súa banda, o bispo García Cadiñanos aludiu tamén ás actividades realizadas conxuntamente entre a Universidade e a Diócese que derivou na creación desta Cátedra. “Todo este pasado conxunto xerou e segue xerando actividades para a mellora das persoas e da educación”, declarou.

A Cátedra ten como finalidade fomentar o intercambio de saberes e experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral. Os obxectivos que se plantexan serán os seguintes:

  • Ofrecer un espazo formativo de reflexión plural sobre a aportación relixiosa á cultura europea.
  • Promover o uso e investigación do patrimonio histórico-artístico e documental da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
  • Fomentar a conciencia social e a solidariedade real mediante a divulgación de distintas iniciativas de promoción humana no entorno.
  • Escoitar, valorar e aproveitar as aportacións multidisciplinares que a Universidade pode ofrecer á Igrexa cara á súa misión de servizo a todos.
  • Impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento en Ciencias Humanas e Sociais, centrándose nas áreas de actuación de ambas institucións.

Unha comisión de seguimento velará polo cumprimento destes obxectivos. Esta comisión estará formada pola vicerreitora do Campus de Ferrol, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, e a directora da Cátedra, por parte da UDC. Por parte da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, os integrantes desta comisión serán Benito Méndez Fernández, delegado diocesano; María Victoria González Rodríguez, directora de Cáritas Diocesana; e Carlos Alonso Charlón, secretario-bibliotecario de Estudios Mindonienses.

A posta en marcha desta iniciativa complementa o traballo conxunto entre ambas as dúas institucións desde hai anos, como a celebración do I Congreso de Patrimonio Cultural da Diocese (1999), a cesión de parte do fondo de publicacións periódicas da biblioteca-hemeroteca da Domus Ecclesiae á Biblioteca Universitaria “Casa do Patín” (desde 1997), a realización de prácticas curriculares dos alumnos do Grao de Información e Documentación da UDC no arquivo e na biblioteca da Domus Ecclesiae de Ferrol (desde 2018) e a organización de visitas a espazos de especial relevancia patrimonial e cultural na diocese.

Desde a esquerda, Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia; Rocío Ameneiros, directora da Cátedra; Julio Abalde, reitor; Fernando García Cadiñanos, bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol; María Jesús Movilla, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; e Benito Méndez, delegado diocesano de Cultura.