Os nenos e nenas con altas capacidades da Asociación Áurega visitan este luns o Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 23 de xuño de 2022.-. Ao longo da xornada, a cativada visitará a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), o Edificio de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), e o Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT). Participarán en seis obradoiros: “Barcos e outras cousas que flotan”, “Cámara lenta sobre fluídos”, “Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D”, “Intelixencia Artificial en Robótica Industrial”, “Como conducir coches virtuais para ensaiar motores reais” e “Achegándonos ao deseño industrial”.

Esta non será a súa primeira visita ao Campus Industrial de Ferrol xa que, ao longo deste curso 2021/22, estes nenos e nenas, uns 80 en total, achegáronse ata o Edificio de Apoio ao Estudo para traballar, dous sábados ao mes, no proxecto educativo ASTROPLANT, unha iniciativa liderada pola Asociación Áurega de Narón en colaboración coa academia Gazapo e Miguel Riola da consultora Araiva. Divididos en pequenos grupos, estes cativos e cativas con altas capacidades estiveron a traballar cun kit facilitado pola Axencia Espacial Europea (ESA) que lles permitía explorar as posibilidades de autoabastecemento de vexetais para dotar de soporte vital aos astronautas en futuras misións espaciais interplanetarias.

O Salón de Actos Concepción Arenal acolleu tamén as sesións impartidas pola psicóloga Andrea Bechlian no marco da Escola da Familia e na que participaron os pais e nais destes nenos e nenas con altas capacidades.

Foto 1 e 2: Fotos de familia dos máis de 80 nenos e nenas que participan no Proxecto ASTROPLANT que lidera a Asociación Áurega en colaboración coa academia Gazapo e Miguel Riola de Araiva.