Preto de 400 estudantes de Bacharelato e FP participan mañá na I Xornada de Portas Abertas Presencial do Campus Industrial de Ferrol

O Campus Industrial de Ferrol e o Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña convidan aos participantes na xornada a coñecer a súa oferta formativa a través de tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas ou Enxeñaría. Aqueles estudantes e familias que elixisen a primeira destas opcións visitarán a Facultade de Enfermaría e Podoloxía.

Ferrol, 21 de abril de 2022.- Preto de 400 estudantes de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional Superior participan mañá, venres 22 de abril, entre as 09:00 e as 20:00 horas, na I Xornada de Portas Abertas Presencial do Campus Industrial de Ferrol. Na quenda de mañá, participa alumnado do IES Concepción Arenal e do IES Canido de Ferrol así como do IES Rego de Trabe de Culleredo e do IES Agra de Leborís de Laracha. Pola súa banda, a quenda de tarde está dirixida a un público máis familiar. O alumnado inscrito nesta xornada achegarase á oferta formativa do campus ferrolán a través de tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas ou Enxeñaría.

O estudantado que optase previamente polo itinerario de Ciencias da Saúde achegarase ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, centro no que se imparten os graos en Enfermaría e Podoloxía. Pola contra, o alumnado que elixe o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas visitará, en primeiro lugar, a Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. Acto seguido, trasladarase ata a Facultade de Humanidades e Documentación para saber un chisco máis sobre o grao en Xestión Industrial da Moda e o grao en Xestión Dixital de Información e Documentación. A partires do mes de setembro, esta facultade contará cunha nova titulación, posta en marcha en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), o grao en Relacións Internacionais. Ao igual que o grao en Xestión Industrial da Moda, esta titulación require dunha acreditación de nivel B1 de inglés previa á solicitude de praza e á formalización da correspondente matrícula.

Pola súa banda, o itinerario de Enxeñaría levará ao estudantado ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) onde se imparte o grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Nesta proposta, o alumnado participante achegarase tamén ata a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) onde se imparten os graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. A maiores, a escola oferta o grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario Galego, e o grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha titulación que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso optando así polo grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben polo grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.