Ferrol, 11 de abril de 2022.- A revista Materials Horizons vén de publicar o artigo do investigador Ramón y Cajal na Universidade da Coruña, Jaime Martín, titulado “Semi-paracrystallinity in semi-conducting polymers”. No seu texto, o investigador do Grupo de Polímeros, adscrito ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) do Campus Industrial de Ferrol, propón un novo modelo estrutural para os materiais poliméricos. O traballo ocupa a portada do número correspondente ao mes de abril desta prestixiosa revisa científica editada pola Royal Society Chemistry.
Tal e como se recolle no propio artigo, ata o de agora, a organización molecular de todos os polímeros que non fosen cristais líquidos podíanse explicar botando man dos modelos estruturais tradicionais. Uns modelos que clasificaban aos polímeros como amorfos, semicristalinos ou paracristalinos. Xunto co seu grupo de investigación, o profesor da Facultade de Ciencias, Jaime Martín, descubriu que a organización molecular nos polímeros semicondutores empregados nas células solares orgánicas máis eficientes non encaixaba ben en ningún dos modelos tradicionais e que necesitaban da introdución dun novo modelo de caracterización estrutural. Deste xeito, no artigo, proponse un novo modelo denominado “semiparacristalinidade” que, por primeira vez, é quen de explicar axeitadamente a organización molecular dos polímeros semicondutores desde a caracterización ata o seu comportamento.
Na redacción do artigo titulado “Semi-paracrystallinity in semi-conducting polymers” participou persoal investigador da North Carolina State University (USA), do instituto POLYMAT (UPV/EHU), do centro vasco de investigación en nanociencia CiC-Nanogune e do sincrotón ALBA de Barcelona.