Ferrol, 14 de marzo de 2022.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, martes 15 de marzo, ás 19:00 horas, o acto de entrega do premio ao mellor Traballo Fin de Grao sobre Protección Civil e Xestión de Emerxencias e a mesa redonda “Cara unha xestión integral na búsqueda de persoas desaparecidas” que promove a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias da Universidade da Coruña.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o director da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Moisés Alberto García Núñez, e o coordinador da mesma, Daniel Lorenzo Mirón, farán entrega do premio ao mellor Traballo Fin de Grao sobre Protección Civil e Xestión de Emerxencias titulado “Plan de autoprotección dun complexo deportivo” e defendido pola alumna do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns, Carla Lorenzo Rodríguez, no curso 2020/21.
Acto seguido, dará comezo a mesa redonda “Cara unha xestión integral na búsqueda de persoas desaparecidas” na que intervirán o coordinador de Seguridade do Concello de Ferrol, Santiago Troitiño Guerrero, o inspector xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chao Cabanas, o presidente de Cans de Salvamento de Galicia, Alejandro Barreira Fernández, e o xefe da agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol, Alejandro Santiago Ramos.
Colaboración entre a UDC e a Mancomunidade
A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña e máis pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, naceu en novembro de 2019 co obxecto de unificar coñecementos e criterios para dispoñer de documentación científica sobre emerxencias e protección á hora de elaborar, por exemplo, ordenanzas municipais ou protocolos de actuación ante determinadas situacións. A Cátedra está adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol.
Desde a súa creación, a comisión de seguimento da Cátedra estivo a traballar na elaboración dunha guía para a organización e autorización de espectáculos públicos e de actividades recreativas nun contexto de “nova normalidade”. A maiores, deseñou tamén un plan de actuación ante casos ou contactos de COVID-19 no que se recollen as medidas, protocolos e procedementos de actuación a seguir polos concellos que integran a Mancomunidade.