A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias da Universidade da Coruña afonda este martes no sistema de búsqueda de persoas desaparecidas

Cartel promocional da mesa redonda “Cara unha xestión integral na búsqueda de persoas desaparecidas” que terá lugar mañá, martes 15 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.

Ferrol, 14 de marzo de 2022.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, martes 15 de marzo, ás 19:00 horas, o acto de entrega do premio ao mellor Traballo Fin de Grao sobre Protección Civil e Xestión de Emerxencias e a mesa redonda “Cara unha xestión integral na búsqueda de persoas desaparecidas” que promove a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias da Universidade da Coruña.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o director da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Moisés Alberto García Núñez, e o coordinador da mesma, Daniel Lorenzo Mirón, farán entrega do premio ao mellor Traballo Fin de Grao sobre Protección Civil e Xestión de Emerxencias titulado “Plan de autoprotección dun complexo deportivo” e defendido pola alumna do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns, Carla Lorenzo Rodríguez, no curso 2020/21.

Acto seguido, dará comezo a mesa redonda “Cara unha xestión integral na búsqueda de persoas desaparecidas” na que intervirán o coordinador de Seguridade do Concello de Ferrol, Santiago Troitiño Guerrero, o inspector xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chao Cabanas, o presidente de Cans de Salvamento de Galicia, Alejandro Barreira Fernández, e o xefe da agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol, Alejandro Santiago Ramos.

Colaboración entre a UDC e a Mancomunidade

A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña e máis pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, naceu en novembro de 2019 co obxecto de unificar coñecementos e criterios para dispoñer de documentación científica sobre emerxencias e protección á hora de elaborar, por exemplo, ordenanzas municipais ou protocolos de actuación ante determinadas situacións. A Cátedra está adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol.

Desde a súa creación, a comisión de seguimento da Cátedra estivo a traballar na elaboración dunha guía para a organización e autorización de espectáculos públicos e de actividades recreativas nun contexto de “nova normalidade”. A maiores, deseñou tamén un plan de actuación ante casos ou contactos de COVID-19 no que se recollen as medidas, protocolos e procedementos de actuación a seguir polos concellos que integran a Mancomunidade.