O ISSW, International Ship Stability Workshop, recala por primeira vez en España e chega ao Campus Industrial de Ferrol

A Coruña, 14 de setembro de 2026.- Investigación, industria e regulación naval conflúen do 14 ao 16 de setembro no Campus Industrial de Ferrol, que acolle o 21st International Ship Stability Workshop (ISSW). O encontro, que chega por primeira vez a España, reúne especialistas internacionais e representantes de organismos reguladores para abordar os avances máis recentes no estudo da estabilidade dos buques.

A xornada inaugural reuniu no Salón de Actos Concepción Arenal do campus representantes da Universidade da Coruña (UDC), da industria naval, da comunidade científica internacional e da Organización Marítima Internacional (OMI), nunha apertura que pon de manifesto o carácter científico, industrial e regulador do ISSW. No acto interviñeron Marcos Míguez, director do Campus Industrial de Ferrol e presidente do comité organizador local; Vadim Belenky, presidente do International Standing Committee (ISC); Eduardo Dobarro, director de Navantia Ferrol; Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, e Víctor Jiménez, presidente do Consello da Organización Marítima Internacional (OMI).

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) participa na organización a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), con Marcos Míguez, director do Campus Industrial e investigador do GII, como presidente do comité organizador local.

42 traballos sobre a estabilidade e a seguridade dos buques

Máis de 80 especialistas de arredor de 14 nacionalidades participan nesta edición do ISSW. Ao longo das nove sesións temáticas presentaranse 42 traballos de investigación sobre a estabilidade e a seguridade dos buques.

As investigacións analizan distintos fenómenos que poden poñer en risco a estabilidade dos buques durante a navegación. Entre eles está o balanceo paramétrico (parametric roll), que pode facer que o buque bambee cada vez máis cando a súa frecuencia de balanceo coincide coa das ondas ou se aproxima a ela, o que aumenta de forma considerable a intensidade do movemento.

Outro dos ámbitos de estudo é o do surf-riding, unha situación na que o buque é impulsado pola propia onda e pode experimentar un aumento da súa velocidade. Se esta situación provoca unha perda de control sobre o rumbo, pode derivar no chamado derrapaxe (broaching), en que o buque xira bruscamente e aumenta o risco de que perda a estabilidade.

O estudo destes casos permite coñecer mellor como responden os buques ante diferentes condicións de navegación e desenvolver ferramentas para prever e reducir os riscos asociados.

Novos modelos e novas ferramentas para a seguridade marítima

Para iso, os traballos combinan modelos matemáticos e simulacións por ordenador con métodos probabilísticos e técnicas de aprendizaxe automática. Estas ferramentas aplícanse ao estudo de novos conceptos de buques autónomos e de cero emisións, buques mercantes de propulsión nuclear, plataformas eólicas mariñas e buques navais.

A investigación aborda tamén a evolución dos criterios de seguridade marítima. Neste ámbito, o programa incorpora traballos sobre os criterios de segunda xeración para a estabilidade intacta (Second Generation Dynamic Intact Stability, SGISC) e sobre as últimas actualizacións reguladoras, que trasladan os avances científicos e técnicos aos criterios empregados para avaliar a seguridade dos buques.

Desde 1995, estes encontros complementan a International Conference on Stability of Ships and Ocean Vehicles (STAB), principal foro internacional sobre estabilidade de buques. Fronte ao carácter máis amplo da STAB, o ISSW céntrase en cuestións concretas da estabilidade naval e nos avances máis recentes para estudalos, analizalos e buscarlles aplicacións.

Conexión coa industria e o territorio

A organización do ISSW desde o Campus Industrial de Ferrol permite achegar a investigación desenvolvida desde a UDC á actividade industrial e aos organismos responsables da seguridade marítima. A través do CITENI e do GII, a UDC participa nun espazo no que se comparten coñecementos e metodoloxías para avanzar no estudo da estabilidade dos buques e na aplicación destes resultados ao ámbito naval.

Fóra das sesións científicas, o programa incorpora tamén actividades vinculadas ao territorio. Onte, domingo día 13, as e os asistentes realizaron unha visita guiada pola cidade e asistiron a unha recepción no Parador de Ferrol, coa presenza da concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Isaac Rosón; a decana do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de Galicia, Beatriz Spuch, e o presidente do Consello da OMI, Víctor Jiménez.

Ao longo da semana están previstas tamén actividades na ría de Ferrol, unha visita ao castelo de San Felipe e un desprazamento á Torre de Hércules, así como unha visita opcional ao estaleiro de Navantia Ferrol.

Co ISSW, o Campus Industrial de Ferrol sitúa durante tres días a investigación sobre estabilidade naval no centro do debate científico internacional e favorece o contacto entre o coñecemento desenvolvido desde a UDC, a industria naval e os organismos responsables da seguridade marítima.

Información sobre o ISSW26

Web: https://issw2026ferrol.com/
Programa científico: https://issw2026ferrol.com/workshop-program/

O Campus Industrial de Ferrol acolle do 14 ao 16 de setembro o 21st International Ship Stability Workshop (ISSW), que ten lugar por primeira vez en España e está organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII).
O Campus Industrial de Ferrol acolle do 14 ao 16 de setembro o 21st International Ship Stability Workshop (ISSW), que ten lugar por primeira vez en España e está organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII).