A Coruña, 23 de setembro de 2026. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) participará na G-Night 2026, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, que terá lugar o vindeiro 25 de setembro. Esta iniciativa de divulgación científica busca achegar a investigación á cidadanía e favorecer o contacto directo entre o público e as persoas investigadoras. No Campus Industrial de Ferrol, o CITENI desenvolverá dez actividades con propostas prácticas sobre diferentes ámbitos da ciencia e a enxeñaría.
A programación permitirá descubrir diferentes áreas da investigación que aquí se desenvolve, que abrangue eidos desde a enxeñaría e os materiais ata a enerxía, a robótica, as matemáticas e a física. A proposta contará tamén coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e da Asociación Española Contra o Cancro.
Dez propostas para experimentar coa ciencia
As actividades combinan demostracións, experimentos e retos prácticos para achegar conceptos científicos a diferentes públicos:
-
-
- Luminis·Ciencia: como iluminar o cancro para estudalo. Coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro, esta actividade amosa como poden empregarse proteínas que emiten luz para marcar células e estudar a actividade das células tumorais.
- Conecta o océano, a enerxía do futuro. Unha proposta arredor das posibilidades enerxéticas do océano, con pequenos retos de enxeñaría nos que se poderán construír aeroxeradores e paneis solares con pezas de Lego.
- Plásticos que desaparecen, xogando coa ciencia dos biopolímeros. Un achegamento aos plásticos biodegradables para coñecer como se producen, por que se degradan e que factores inflúen no seu proceso de degradación.
- Do ser humano á máquina, enredando coa enxeñaría mecánica. Un percorrido pola relación entre o funcionamento do corpo humano e o das máquinas, desde os motores dos vehículos ata os mecanismos que reproducen o movemento dos músculos.
- A mecánica de fluídos na cociña. A física dos fluídos sae do laboratorio para explicar fenómenos presentes na cociña, como a mestura, o quecemento ou o comportamento dos líquidos.
- Robótica intelixente. Coa colaboración do CITIC, a actividade permitirá coñecer como os sensores e a intelixencia artificial fan posible que os robots perciban o seu contorno, tomen decisións e adapten o seu comportamento.
- Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade. Unha cámara de néboa permitirá observar as trazas deixadas por partículas procedentes da radiación, xunto con experiencias sobre levitación magnética e supercondutividade.
- Matemáticas na GNight. Coa colaboración do CITMAga, diferentes materiais manipulables servirán para descubrir como as matemáticas permiten representar e resolver problemas e como se poden construír superficies curvas a partir de liñas rectas.
- Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D. Unha introdución á fabricación aditiva e aos novos materiais poliméricos destinados á impresión 3D, con demostracións de diferentes tecnoloxías e aplicacións.
- Canto sabes de deseño de buques? Unha actividade práctica para entender por que flotan os barcos, como se distribúe a carga e que factores se teñen en conta no deseño dunha embarcación.
-
Pola mañá, centros educativos; pola tarde, público xeral
A programación da mañá estará destinada aos centros educativos participantes. Pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas, nove das dez propostas estarán abertas ao público xeral, con 530 prazas distribuídas en diferentes sesións.
Os obradoiros terán unha duración aproximada de 20 minutos e desenvolveranse en distintos laboratorios e espazos do CITENI e do edificio de Talleres Tecnolóxicos do Campus Industrial de Ferrol. As persoas asistentes poderán asistir a máis dunha actividade, sempre que haxa prazas dispoñibles.
A participación é gratuíta e require inscrición previa para as actividades da tarde a través da plataforma habilitada, co enderezo https://citeni_udc.eventbrite.com.
A programación vinculada ao CITENI completarase tamén cunha proposta do grupo de investigación Enxeñaría Enerxética (INGEN) na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC, baixo o título «ROVs, simuladores e máis: visita á ETS de Náutica e Máquinas!», que permitirá coñecer de preto diferentes tecnoloxías aplicadas ao ámbito naval.
Unha iniciativa galega con dimensión europea
A G-Night é a versión galega da European Researchers’ Night, unha das principais iniciativas europeas de divulgación científica, integrada nas accións Marie Skłodowska-Curie (MSCA) da Unión Europea. A cita ten lugar cada ano o último venres de setembro e promove o encontro directo entre a cidadanía e as persoas investigadoras a través de experimentos, obradoiros, demostracións e outras propostas participativas. En 2026, a European Researchers’ Night realizarase simultaneamente en 40 países, con máis dun millón de persoas participantes previstas.
En Galicia, a G-Night está coordinada pola Universidade de Vigo e conta coa participación das tres universidades públicas galegas –acompáñana a UDC e a Universidade de Santiago de Compostela–, xunto con centros e institutos de investigación e outras entidades. A edición deste ano reunirá máis de 150 actividades e máis de 500 persoas investigadoras en diferentes localidades galegas.
Pola súa banda, a UDC desenvolverá máis de 40 actividades nos campus da Coruña e Ferrol, alén de noutros espazos das dúas cidades, con propostas dirixidas a públicos diversos e vinculadas a diferentes ámbitos do coñecemento. Baixo o lema «Conciencias creativas», a sexta edición da G-Night pon o foco na creatividade como parte esencial da investigación e achega á sociedade o traballo das persoas investigadoras e o impacto da ciencia na vida cotiá.
Información GNight2026 Ferrol
Web: https://gnight.gal/cidades/ferrol/
Entradas: https://citeni_udc.eventbrite.com