Autorizado o convenio para a construción do novo Edificio de Investigación e Innovación da Industria Intelixente do Campus Industrial de Ferrol

A Coruña, 19 de outubro de 2026.- A Universidade da Coruña dará un novo paso na consolidación do Campus Industrial de Ferrol como espazo de referencia para a investigación e a innovación, despois de que o Consello da Xunta aprobase destinar 13 millóns de euros para a construción do Edificio de Investigación e Innovación da Industria Intelixente (EI3). Un financiamento procedente do Plan de Infraestruturas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de fondos europeos FEDER

O novo edificio, que se situará na avenida de Esteiro, no Campus Industrial de Ferrol, permitirá poñer en marcha un proxecto dirixido á investigación aplicada. Estará  especializado nas áreas que constitúen os principais ámbitos de coñecemento e actividade do campus, como a enxeñaría naval e offshore, a robótica, a fabricación avanzada, a xestión de procesos industriais ou o hidróxeno verde aplicado ao sector marítimo.

Concibido como unha infraestrutura singular destinada a impulsar proxectos de alto impacto científico e tecnolóxico, o EI3 prevé favorecer a colaboración interdisciplinaria e fortalecer a conexión entre a universidade, as empresas e a sociedade. Albergará espazos flexibles e multifuncionais para actividades de investigación, docencia, transferencia, innovación e desenvolvemento de proxectos colaborativos.

Ademais, o proxecto incorpora criterios de sustentabilidade ambiental, eficiencia enerxética e accesibilidade universal, así como solucións arquitectónicas que garantirán a adaptación dos espazos ás necesidades futuras da actividade investigadora e innovadora.

A previsión da Universidade da Coruña é poder licitar as obras antes de que remate 2026.

Reforzo do equipamento científico

O Consello da Xunta tamén autorizou a sinatura dun convenio para o reforzo do equipamento científico das universidades públicas galegas. No caso da Universidade da Coruña, a institución recibirá 1,8 millóns de euros destinados á adquisición de equipamento científico avanzado, recursos tecnolóxicos e infraestrutura docente e investigadora.

Estas actuacións permitirán modernizar laboratorios e espazos de aprendizaxe, incorporar novo equipamento especializado e reforzar as capacidades dos servizos de apoio á investigación e dos centros de investigación.

O futuro EI3 reforzará o papel do Campus Industrial como referente en investigación, innovación e transferencia nos ámbitos da enxeñaría naval, industrial e das tecnoloxías da Industria 4.0.
O futuro EI3 reforzará o papel do Campus Industrial como referente en investigación, innovación e transferencia nos ámbitos da enxeñaría naval, industrial e das tecnoloxías da Industria 4.0.