Ferrol, 17 de decembro de 2025.- O tribunal do III Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo vén de emitir o fallo deste galardón, promovido pola Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña (UDC), co obxectivo de promover a investigación e o coñecemento no ámbito da economía circular dentro do colectivo universitario.
O premio principal, dotado con 1.200 euros, foi concedido a Paloma Funes García. Trátase dunha coidada proposta audiovisual na que a alumna propón unha reflexión sobre se é posible construír de forma máis rápida, eficiente e respectuosa co medio ambiente e propón unha alternativa coa impresión 3D de formigón con materiais sostibles. Tamén se concederon accésit en diferentes categorías: a que recoñece a orixinalidade da proposta multimedia, dotada con 300 euros, foi para o traballo de Blanca Fernández Amado. Mentres que o accésit que premia a capacidade de divulgación e sensibilización da proposta multimedia, e dotado tamén con 300 euros, foi para a proposta de Carla Pérez Paz.
O tribunal estivo formado, en representación do grupo Rodonita, promotor da Cátedra Epifanio Campo, polo conselleiro delegado da compañía, Jacobo Campo; o director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero, e o director de Comunicación do grupo, Carlos Luis Rodríguez. Representando á Universidade da Coruña participaron a directora da Cátedra Epifanio Campo, María de la Paz Mateo; a coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, Yolanda Golías Pérez, e a responsable de Comunicación do Campus Industrial de Ferrol, Iolanda Fernández. Todos os membros coincidiron en resaltar a alta calidade dos proxectos presentados a esta convocatoria.
A terceira edición deste premio, co que se lle rende homenaxe a Epifanio Campo, pioneiro no ámbito da economía circular e a xestión ambiental e fundador do Grupo Rodonita, contou coa participación de 13 estudantes de grao, máster e programa de doutoramento da Universidade da Coruña (UDC). Os proxectos presentados en distintos formatos: fotografía, infografía ou vídeo, buscaban a divulgación de aspectos científicos relacionados coa economía circular, a auga, a enerxía e a xestión e valorización dos residuos industriais. Destas propostas multimedia valoráronse fundamentalmente a calidade técnica e artística, o guion, a orixinalidade, o enfoque divulgador da mensaxe e a súa capacidade de sensibilización. Esta iniciativa enmárcase no obxectivo fundamental da cátedra, que se centra no fomento da investigación, a formación e a divulgación no ámbito do medio ambiente, a sustentabilidade e a xestión de residuos. No caso deste premio, a finalidade é impulsar e recoñecer a participación do alumnado da Universidade da Coruña no ámbito da sustentabilidade e o coidado do medio ambiente.
Cátedra EPIFANIO CAMPO
O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior de Ferrol (EPEF). O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostenibilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.