A Cátedra Epifanio Campo galardoa as mellores propostas do seu Terceiro Premio de Investigación para impulsar a investigación e valorización dos residuos industriais

Ferrol, 15 de xaneiro de 2026.- A Cátedra Epifanio Campo celebrou hoxe o acto de entrega do Terceiro Premio Epifanio Campo de Investigación no Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS Ferrol). O acto contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Isabel Ares Pernas; o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo e o director xeral do grupo Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero; así como distintos representantes de institucións, empresas e do eido universitario.

O obxectivo principal deste galardón é promover a investigación e o coñecemento do colectivo universitario no ámbito da economía circular, da que o fundador do grupo Rodonita, Epifanio Campo, foi un pioneiro no ámbito empresarial galego.

Ao comezo da xornada, a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, agradeceu a presenza no acto do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, e sinalou a importancia da cátedra e destes premios para continuar no camiño innovador e comprometido coa economía circular e a xestión ambiental. O primeiro premio, dotado con 6.000 euros, foi concedido ao traballo titulado “Química e Enxeñaría ao servizo da sociedade: Revalorización de emisións de carbono e residuos téxtiles e de envasado para unha nova xeración de tecnoloxías de refrixeración desenvolvidas 100% en Galicia”, no que participaron os grupos QUIMOLMAT e INGEN. Pola súa banda o segundo premio, dotado con 4.000 euros, foi para o traballo titulado “Mineralización de CO₂ en rocas máficas: de gas residual a mineral estable”, desenvolvido polo grupo de investigación GEAMA e presentado por Andrea Muñoz Ibáñez.

Posteriormente tivo lugar a intervención do conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo, que destacou o labor investigador das persoas e equipos participantes para achegar solucións prácticas relacionadas co sector industrial. Campo subliñou a importancia de que o pasado, o presente e o futuro vaian da man, co foco posto sempre na súa relación con Galicia. “O éxito de Rodonita e a súa consolidación como un dos puntais da economía galega, débese ao bo facer e a unha relación especial coa súa contorna”, afirmou.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, comezou a súa intervención sinalando que “hoxe celebramos a forza da ciencia aplicada ao ben común, a través dos III Premios de Investigación Epifanio Campo, promovidos pola Cátedra Epifanio Campo, que é o marco de colaboración entre a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita nos ámbitos académico, docente e investigador vinculados á xestión de residuos”. Acto seguido, felicitou a todos os investigadores e investigadoras que participaron nesta terceira edición, poñendo especial énfase nas persoas galardoadas.

Pechou o acto o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, poñendo en valor a importancia da colaboración público-privada que, neste caso, contribúe a promoción da investigación na xestión e valorización dos residuos industriais en beneficio do desenvolvemento sostible. Nesta liña, engadiu tamén o compromiso do Goberno galego desde hai anos coa economía circular, con iniciativas consolidadas coa finalidade de aproveitar os recursos de forma responsable, aumentar o seu valor engadido e garantir a súa sustentabilidade e competitividade.

O tribunal desta terceira edición estivo formado, en representación do grupo Rodonita, promotor da Cátedra, polo seu conselleiro delegado, Jacobo Campo e polo director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero. Tamén  formaron parte do tribunal a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, e dous expertos do ámbito universitario, Alberto Arce, profesor da UDC e Pastora Bello, profesora da Universidade de Santiago. Todos os membros coincidiron en resaltar a alta calidade dos proxectos presentados a esta convocatoria.

A terceira edición deste premio, co que se lle rende homenaxe a Epifanio Campo, contou coa participación de preto de 60 investigadores pertencentes a 15 grupos de investigación dos Campus da Coruña e Ferrol. Os proxectos presentados pertencen a ámbitos moi diversos, desde a intelixencia artificial ou o dereito ata a enxeñaría civil, industrial ou naval. Tras o éxito da primeira edición, cumpríronse as expectativas desta nova convocatoria, convocada co obxectivo de seguir avanzando no impulso da investigación relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, como parte dunha economía circular que apoie a protección do medio ambiente.

Cátedra EPIFANIO CAMPO

O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.

O obxectivo principal deste galardón é promover a investigación e o coñecemento do colectivo universitario no ámbito da economía circular, da que o fundador do grupo Rodonita, Epifanio Campo, foi un pioneiro no ámbito empresarial galego.
O obxectivo principal deste galardón é promover a investigación e o coñecemento do colectivo universitario no ámbito da economía circular, da que o fundador do grupo Rodonita, Epifanio Campo, foi un pioneiro no ámbito empresarial galego.