A Coruña, 24 de novembro de 2023.- A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética organiza o foro “O futuro do hidróxeno verde desde a perspectiva galega: Retos e oportunidades”, unha xornada na que se abordará a oportunidade económica, investigadora e industrial que se abre co desenvolvemento do hidróxeno verde en Galicia.
O foro terá lugar o próximo 28 de novembro, a partir das 9:15 horas, no salón de actos do Campus Industrial de Ferrol, de forma presencial e tamén se poderá seguir en liña. Para asistir ou seguilo en streaming, as persoas interesadas deberán inscribirse a través do seguinte formulario.
Tras a apertura institucional, chegará a quenda da conferencia inaugural a cargo de Carlos Bravo, experto en clima e enerxía, quen ocupou a coordinación desta área en Greenpeace España máis de 20 anos. Actualmente, é consultor ambiental e representante de Transport&Enviroment, unha federación a nivel europeo de organizacións non gobernamentais dedicadas ao transporte. A continuación, desenvolveranse varias mesas redondas.
En primeiro lugar, terá lugar a dedicada ás “Tendencias en investigación en hidróxeno verde”, onde se contará coa presenza de Fernando Val, director de EnergyLab; Roberto Campana, director científico da Unidade de Investigación do Centro Nacional de Hidróxeno; Juan Manuel Bermúdez, Investigador RyC da UDC que pertence ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC; Adrián Rodrı́guez, responsable de Desenvolvemento de Negocio de CETIM Centro Tecnolóxico e Pablo Carrasco, xestor de proxectos e especialista en enerxía do ITG.
A análise desde unha perspectiva reguladora, de tramitación e loxística poñerana os participantes da mesa titulada “O papel das administracións e institucións no desenvolvemento do hidróxeno verde”. Estarán nela Nicolás Vázquez, secretario Xeral de Industria da Xunta de Galicia; Juan Diego Pérez, director do Porto da Coruña; Javier Calviño Gómez, xefe do departamento de Servizos Técnicos e Planificación na Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao; e Javier Dı́az, tenente alcalde do Concello de Ferrol.
Por último, a terceira mesa virará en torno ao “Valor empresarial de hidróxeno verde en Galicia”. Un debate no que estarán Raúl Martı́n, responsable de eólica mariña e hidróxeno en Greenalia; Julio Hidalgo, director da división de hidróxeno de Univergy Solar; Brais Armiño, socio consultor en AtlantHy; Alberto López, director financeiro de Forestal do Atlántico; e Francisco Méndez, responsable de estratexias industriais de CCOO de Industria de Galicia.
Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética, unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos en Galicia.
A inscrición, gratuíta, poderá facerse a través da páxina web da cátedra: https://www.fundacion.udc.es/catedragreenaliatransicionenergetica/
