A Cátedra Jorge Juan, impulsada pola UDC e a Armada, analiza o papel e o simbolismo do mar na obra de Tolkien o vindeiro mércores 17 de decembro

Ferrol, 12 de decembro de 2025.- A Sala Carlos III do Museo da Construción Naval (Exponav) acolle, o vindeiro mércores 17 de decembro, ás 19:00 horas, a conferencia “Tolkien e o mar” impartida polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José María Miranda Boto, no marco da terceira conferencia do curso 2025/26 da Cátedra Jorge Juan, unha iniciativa impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto coa Armada baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alicia Munín.

A pesares de que a obra de J.R.R. Tolkien transcorre principalmente na Terra Media, o mar está tamén presente dun xeito moi importante e simbólico. Tal e como explica José María Miranda Boto, desde os primeiros relatos do Silmarillion ata os ecos que resoan no epílogo non publicado da obra “O Señor dos Aneis” o mar representa “tanto a nostalxia por un paraíso perdido como a promesa do inalcanzable”. Engade tamén que o mar é un espazo de perigo para os hobbits xa que, “as augas que rodean Númenor, a Atlántica de Tolkien, son testemuñas da soberbia humana e do seu castigo cando a illa se afunde nun cataclismo”. Deste xeito, Tolkien “dota ao mar dunha dimensión narrativa e simbólica que o converte nun dos grandes motores da imaxinación na súa obra”, conclúe.

José María Miranda Boto é autor das monografías “El Derecho en Tolkien” (Ediciones Cinca, 2017) e “Law, Society and Government in J.R.R. Tolkien´s Works” (Walking Tree Publishers, 2022), este último, un texto polo que foi distinguido co Mythopoeic Award on Inkling Studies en 2024, sendo o único escritor español en acadalo. Ademais, ten impartido múltiples conferencias sobre Tolkien en diversas universidades españolas e europeas, así como en congresos organizados pola Tolkien Society británica, pola Sociedad Tolkien Colombia Orodruin, pola Sociedad Toliken holandesa e máis pola Sociedad Tolkien española.

José María Miranda Boto imparte, o vindeiro mércores 17 de decembro, ás 19:00 horas, en Exponav, a conferencia “Tolkien e o mar”, convidado pola Universidade da Coruña (UDC) e a Armada no marco da Cátedra Jorge Juan.
José María Miranda Boto imparte, o vindeiro mércores 17 de decembro, ás 19:00 horas, en Exponav, a conferencia “Tolkien e o mar”, convidado pola Universidade da Coruña (UDC) e a Armada no marco da Cátedra Jorge Juan.