A complexidade do acoso escolar, a debate no Campus Industrial de Ferrol da man dun proxecto europeo no que participa a UDC

Ferrol, 5 de xuño de 2025.- O Salón de Graos da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol acolleu este xoves a conferencia da catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidad de Sevilla (US) e presidenta do International Observatory for School Climate and Violence Prevention, Rosario del Rey Alamillo, titulada “A complexidade do acoso escolar: desde a detección á práctica educativa”, no marco do Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) que lidera, en representación da Universidade da Coruña (UDC), a profesora María Jesús Movilla.

Rosario del Rey Alamillo comezou a súa intervención lembrando que o acoso escolar pasou de ser un problema invisibilizado a un fenómeno de alta sensibilización social. De feito, subliñou que, ao longo das últimas décadas, se ten avanzado, de xeito significativo na súa delimitación, prevención e intervención. Con todo, asegurou que “segue sendo necesario mellorar a comprensión deste problema de violencia escolar de alta complexidade psicosocial, así como a súa pegada e impacto nas relacións virtuais”.

O profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol e das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña puideron seguir, de xeito presencial, esta conferencia. Pola súa banda, o persoal docente dos centros de ensino primario e de secundaria, así como dun centro de actividades artísticas e teatrais de Italia, Serbia, Grecia, Turquía e de Alemaña que tamén participan no Proxecto Europeo Erasmus+ BAM, optou pola modalidade en liña.

Ao seu remate, analizaron, de xeito conxunto, diversos elementos relevantes como poden ser os procesos de victimización, a subxectividade da reiteración ou mesmo a diferencia entre a intencionalidade e a conciencia do dano. Unhas cuestións que xa abordaron con anterioridade coa elaboración e guionización, por parte dos países socios, de oito animacións que logo foron desenvolvidas polo Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña (UDC) e testadas, en boa parte, polo estudantado do Colexio Tirso de Molina de Ferrol. O obxectivo final destas pezas audiovisuais é o de traballar nas aulas as competencias do alumnado á hora de manexarse ante situacións concretas de acoso escolar.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM)

Aumentar a concienciación do estudantado de primaria e de secundaria ante o acoso escolar fomentando pautas de comportamento positivas ante este tipo de accións intencionais e sostidas no tempo botando man da produción de ferramentas educativas antibullying. Este é o principal obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) no que participa, en representación da Universidade da Coruña (UDC), profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol e das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña.

Tamén colaboran nesta iniciativa de innovación docente a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía e dirixida polo profesor Valentín Escudero, así como o Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña (UDC), baixo o liderado do seu director, José Antonio García Naya.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) está cofinanciado pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 250.000 euros. A Universidade da Coruña (UDC) dispón de 25.729 euros para aumentar as competencias do profesorado de primeira e de secundaria no campo da intelixencia emocional e da comunicación ante situacións de acoso escolar e máis para elaborar ferramentas didácticas en formato audiovisual que poidan seren usadas con facilidade nas aulas.

profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial e Ferrol e das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña e persoal do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña (UDC) xunto coa catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidad de Sevilla (US), Rosario del Rey Alamillo
profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial e Ferrol e das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña e persoal do Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña (UDC) xunto coa catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidad de Sevilla (US), Rosario del Rey Alamillo