A exposición “Cisxordania, arqueoloxía no corazón” amosa a parte máis humana das escavacións realizadas pola Universidade da Coruña en Palestina

Ferrol, 1 de febreiro de 2024.- O Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol acolle mañá, venres 2 de febreiro, ás 20:00 horas, a inauguración da exposición “Cisxordania, arqueoloxía no corazón” onde se recolle unha escolma das fotografías realizadas polo fotógrafo José Pardo durante as escavacións levadas a cabo no xacemento de Tell el-Far’a, situado a 11 quilómetros da cidade cisxordana de Nablús, por persoal docente e investigador da Universidade da Coruña entre os anos 2017 e 2022.

O profesor da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, coordinou un Proxecto Arqueolóxico Internacional no que tamén participaron a Universidade Nova de Lisboa, o Ministerio de Turismo e Antigüidades de Palestina, o Ministerio de Cultura de España e a Fundación Palarq, quen financiou boa parte das expedicións.

Tal e como explica o profesor Juan Luis Montero Fenollós, durante as catro campañas arqueolóxicas realizadas “traballamos cóbado a cóbado con Dua´a, Sufyan, Maher, Bassan, Hayt, Mirvat, Seema, Niveen e Haneen”. Explica que eles e elas son o factor humano, palestino, dunha arqueoloxía que se exerce a contracorrente nunha zona marcada pola violencia. “Eles e elas son a esperanza dunha futura Palestina. Eles e elas son o rostro dunha arqueoloxía con humanidades, con dignidade e con corazón”, engade.

A exposición “Cisxordania, arqueoloxía no corazón” poderá visitarse, de xeito totalmente gratuíto, no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, ata o vindeiro 17 de marzo.

Cartel promocional da exposición “Cisxordania, arqueoloxía no corazón” na que se presenta unha escola das imaxes tomadas polo fotógrafo José Pardo durante as escavacións realizadas no xacemento de Tell el-Far’a entre os anos 2017 e 2022.
Cartel promocional da exposición “Cisxordania, arqueoloxía no corazón” na que se presenta unha escola das imaxes tomadas polo fotógrafo José Pardo durante as escavacións realizadas no xacemento de Tell el-Far’a entre os anos 2017 e 2022.