A II Feira de Empresas e Talento FESTALENT reúne este xoves a máis de 40 firmas e institucións no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 8 de outubro de 2024.- A segunda edición da Feira de Empresas e Talento FESTALENT reúne, este xoves 10 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:30 horas, a máis de 40 empresas e institucións no Pavillón Municipal de Esteiro da man do Campus Industrial da Universidade da Coruña quen promove, un ano máis, unha iniciativa que pretende darlle visibilidade ás empresas da contorna e tecer pontes de contacto co alumnado universitario que está a buscar a súa primeira oportunidade laboral.

Neste espazo, e como novidade nesta segunda edición, haberá un córner dedicado exclusivamente ao emprendemento, no que o público asistente poderá coñecer de primeira man tres proxectos nados no Campus Industrial de Ferrol: Savalé, unha marca de bolsos feitos a man con distintos tipos de teas e totalmente personalizables, Le-Éclat, unha marca de accesorios e complementos e PlatyFrog, un videoxogo de aventuras e plataformas 3D, todas elas iniciativas emprendedoras lideradas por alumnado da Facultade de Humanidades e Documentación e máis da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).

Conferencias, mesas redondas e obradoiros

 O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, de xeito paralelo, de 10:00 a 14:00 horas, unha conferencia sobre emprendemento impartida pola cofundadora da empresa de enxeñaría CESAC, Soledad Somoza, dúas mesas redondas centradas no papel dos colexios profesionais e nas perspectivas de emprego sectorial desde o punto de vista da empresa, respectivamente, así como un obradoiro de marca persoal impartido pola Fundadora de Strategia Online e EME Escuela de Marketing, Begoña Rodríguez. A primeira das mesas redondas, prevista para as 10:30 horas, estará moderada polo director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, e nela participarán o director de Xestión do Colegio Oficial de Ingenieros Navales y Oceánicos (COIN), Javier Molina Grijalba; o director de Xestión do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia (ICOIIG), Pablo Pérez Vázquez; e o decano do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales da Coruña (COETICOR), Macario Yebra Lemos.

 Pola súa banda, a segunda mesa redonda dará comezo ás 13:00 horas e baixo o liderado da presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume y Ortegal (AJE Ferrolterra), Yadira Tenreiro. Nela intervirán o secretario xeral de  COINTEGA – Clúster Gallego Textil Moda, Alberto Rocha; o responsable de Transformación Dixital para o Sector Naval de Siemens Digital Industries Software no Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena), Juan Oliveira; o secretario do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Nonito Aneiros; e o directivo da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume y Ortegal (COFER), Carlos Moreira García.

Inscrición obrigatoria, QR de acceso e Feira Virtual a través dunha App

 Todas aquelas persoas interesadas en participar na II Feira de Empresas e Talento FESTALENT que promove o Campus Industrial da Universidade da Coruña terán que inscribirse previamente a través da páxina web https://campusindustrial.udc.es/es/festalent/. Unha vez realizado o rexistro recibirán un correo electrónico de confirmación cun código QR co que poderán acceder ao Pavillón Municipal de Esteiro. O evento está dirixido a alumnado universitario, de ciclos de Formación Profesional e ao público xeral interesado.

A maiores, tamén poderán participar, desde hoxe, mércores 8, ata o vindeiro martes 15 de outubro, na sección virtual da feira a través dunha App na que teñen a opción subir os seus currículos, ver ofertas de prácticas e de emprego ou mesmo solicitar entrevistas coas máis de 40 empresas e institucións que participan nesta segunda edición do FESTALENT.

Máis información en https://campusindustrial.udc.es/es/festalent/.

A II Feira de Empresas e Talento FESTALENT reúne este xoves a máis de 40 firmas e institucións no Campus Industrial de Ferrol
A II Feira de Empresas e Talento FESTALENT reúne este xoves a máis de 40 firmas e institucións no Campus Industrial de Ferrol