Ferrol, 8 de novembro de 2023.- A enxeñaría mecánica, a través da biomecánica, permítelles aos médicos simular por ordenador cirurxías ortopédicas para explorar diferentes opcións de tratamento, coa posibilidade de predicir a función posterior do membro tratado. Con todo, a pesar do gran potencial desta técnica, os progresos da comunidade investigadora están restrinxidos por cuestións económicas e éticas para validar estas predicións e conseguir a confianza dos médicos.
O investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Florian Michaud, presentou a súa recente investigación no campo da biomecánica no XXIV Congreso Nacional de Enxeñaría Mecánica, que tivo lugar nas Palmas de Gran Canaria do 25 ao 27 de outubro.
Dos vinte e seis traballos presentados, o seu artigo titulado “Banco de ensayos sensorizado de rodilla para la validación experimental de simulaciones de tratamientos” foi elixido polo xurado do Premio do Capítulo Español da Sociedade Europea de Biomecánica como Mellor Comunicación Científica da Área de Biomecánica.
No traballo premiado, transformouse unha estación de adestramento comercial para cirurxiáns nun banco de ensaios sensorizado. Utilizando un xemelgo dixital e tecnoloxías como impresión 3D, captura de movemento e sensores de forza, puidéronse validar os resultados obtidos da simulación por computador a baixo custo e evitando problemas éticos.
Florian Michaud e os coautores deste traballo (F. Mouzo, A. López Varela, U. Lugrís, D. Dopico e J. Cadrado) poñen o foco na reproducibilidade da súa metodoloxía por parte doutros grupos que enfrontan as mesmas limitacións. O uso do banco de probas experimentais permitiulles demostrar á empresa francesa Pixee Medical, que financiou o proxecto, a calidade do traballo executado. As simulacións por computador desenvolvidas neste estudo permiten a reprodución de escenarios patolóxicos que resultan en inestabilidade rotuliana e facilitan a predición da función posterior a un tratamento.
Os autores conclúen que o uso da simulación por computador tivo resultados prometedores, mentres que o uso de modelos impresos en 3D e sensores permitiu traballar con xemelgos dixitais para a validación experimental de baixo custo e evitando problemas éticos.
Referencia: https://lim.ii.udc.es/docs/proceedings/2023_10_CNIM_Banco.pdf