A Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC organiza unha sesión de contacontos sobre a diversidade este domingo no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 27 de novembro de 2023.- A Aula 2.1 do Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol acolle este domingo, 3 de decembro, ás 12:00 horas, unha sesión de contacontos sobre a diversidade organizada pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña. A alumna do máster en Dirección e Xestión Laboral que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo, Diana García Gómez, será a encargada de poñerlle voz á obra de Bru e Francesc Rovira titulada “Kalume e as súas irmás. Unha historia do Congo”.

As persoas interesadas en asistir terán que inscribirse, de xeito totalmente gratuíto, enviado un correo electrónico cos seus datos persoais a ocvfer@udc.es ou ben chamando ao 881 01 3677 antes das 14:00 horas do venres 1 de decembro. A actividade está dirixida a toda a comunidade universitaria e aberta ao público xeral. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.