A Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC promove a creación dun Banco de Reciclaxe Electrónica no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 14 de outubro de 2024.- A partires do próximo xoves 17 de outubro, a aula -1.5 do Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol acollerá, de xeito permanente, un Banco de Reciclaxe Electrónica con Sotfware Libre, unha iniciativa de recollida e reacondicionamento de material informático que promove a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da Universidade da Coruña xunto co Programa Green Campus Ferrol e en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF).

Unha vez reacondicionado, ese material informático, principalmente ordenadores de sobremesa e portátiles cedidos pola Universidade da Coruña, seralle entregado a varias ONG´s de carácter social da contorna para que os repartan entre os seus usuarios e usuarias. A maiores, as persoas beneficiarias recibirán, de xeito totalmente gratuíto, un curso de ofimática básica con software libre da man do persoal da Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras.

O Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre do Campus Industrial de Ferrol é o segundo espazo destas características que ten a Universidade da Coruña. De feito, o primeiro creouse a finais do ano 2020 e está situado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, no Campus da Coruña. Ademais, en Galicia existen en funcionamento outros tres espazos similares: o Banco de Reciclaxe Municipal de Teo, o Banco de Reciclaxe da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo), xestionado en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronterias, e o Banco de Reciclaxe Municipal e Oficina de Software Libre de Ames, este último nado en 2022 grazas ao apoio da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e ao Banco de Teo.

Tal e como indican desde a Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras, a través desta iniciativa, os chamados Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, pretenden promover o uso do software libre e a soberanía dixital, a reutilización de equipos electrónicos para aumentar a súa vida útil, a diminución dos residuos e a extracción de materiais, a promoción da electrónica ética así como a redución da fenda dixital.

A súa primeira actividade, un Repair Café de ordenadores e bicicletas

O Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro xoves 17 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas, na aula -1.5 do Edificio de Apoio ao Estudo, a súa primeira actividade, un Repair Café de ordenadores e bicicletas. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa deberán levar os seus propios equipos informáticos e/ou bicicletas para poder arranxalos baixo a titorización do persoal da Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras. Máis información e inscricións enviando un correo electrónico a bancoreciclaxecoruna@galicia.isf.es.

Un grupo de persoas traballa no reacondicionamento de varios equipos informáticos no Banco de Reciclaxe Electrónica da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, situada no Campus da Coruña. Imaxes cedidas pola Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF).
Un grupo de persoas traballa no reacondicionamento de varios equipos informáticos no Banco de Reciclaxe Electrónica da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, situada no Campus da Coruña. Imaxes cedidas pola Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF).