Ferrol, 2 de xuño de 2025.- A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alicia Munín Doce, releva ao Capitán de Navío e Comandante-Director da Escola de Especialidades Antonio de Escaño, Tomás Cordón Scharfhausen, na dirección da Cátedra Jorge Juan que promoven a Universidade da Coruña (UDC) e a Armada. A Sala Carlos III de Exponav acollerá o acto de relevo, previsto para este mércores 4 de xuño, a partires das 19:00 horas, logo da última conferencia do curso académico 2024/25 titulada “Álvaro de Bazán e Francis Drake” e impartida polo vicealmirante e director do Instituto de Historia e Cultura Naval da Armada, Enrique Torres Piñeyro.
Alicia Munín Doce é enxeñeira Naval e Oceánica así como doutora en Enxeñaría Naval e Industrial pola Universidade da Coruña (UDC). Desde o ano 2020 coordina o grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, titulación que oferta a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Do mesmo xeito, imparte tamén docencia no programa de simultaneidade do grao en Enxeñaría Mecánica e do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, no máster en Enxeñaría Naval e Oceánica e máis no máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo (SEAS 4.0).
No que atinxe á súa faceta investigadora, Alicia Munín Doce pertence ao Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña (UDC) e está adscrita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. As súas liñas de investigación están centradas no ámbito do xemelgo dixital aplicado ao sector naval. A maiores, conta cun bo número de artigos publicados en revistas especializadas, ten participado en diversos congresos nacionais e internacionais e figura como investigadora principal en varios proxectos financiados pola Unión Europea.
Antes da súa incorporación á Universidade da Coruña (UDC) no ano 2010, Alicia Munín Doce traballou como técnica de investigación en diversos proxectos sobre o control de parámetros en soldadura robotizada no Centro de Innovación e Servizos de Galicia, hoxe en día, CIS Tecnoloxía e Deseño. Máis tarde, incorporaríase ao Centro Tecnolóxico Naval de Galicia (CETNAGA), centrando boa parte da súa actividade investigadora na análise e no estudo dos aspectos económicos do sector marítimo e no do mantemento de flotas.
