A Real Academia Galega de Ciencias fai entrega ao investigador do CITENI Javier Pernas dun accésit nos “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”

A Coruña, 29 de xaneiro de 2025.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte á tarde o acto de apertura do seu curso, no compostelán Pazo de San Roque. O evento contou coa asistencia do presidente da RAGC, Juan Lema e o resto do equipo de goberno da institución, xunto a outras académicas e académicos. Acompañáronos diversas autoridades como o conselleiro de Educación, Ciencia,  Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, Ana Isabel Ares; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.

O acto contou cunha lección maxistral impartida polo académico da RAGC e catedrático de Química Física da USC, Arturo López Quintela, na que abordou a catálise como un dos piares fundamentais da química moderna e da industria.

A continuación tivo lugar a entrega dos “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”, destinados a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos recibiron unha dotación de 5.000 euros cada un, e concedéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. O presidente da RAGC fixo especial fincapé no éxito desta segunda convocatoria, con 133 candidaturas presentadas, destacando o carácter innovador e o alto impacto científico e social dos traballos premiados, conectando ciencia con realidade e cos desafíoa actuais.

A Real Academia Galega outorgoulle un accésit na categoría de Ciencias Técnicas a un equipo do CITENI da Universidade da Coruña (Campus Industrial de Ferrol), liderado por Javier Pernas. Usando a intelixencia matemática, desenvolveu unha metodoloxía para  optimizar a planificación de tarefas no proceso de construción de buques, con aplicación noutros sectores como o aeroespacial ou a construción modular. “Para min, o obxectivo e o reto da universidade é converter o coñecemento científico en impacto real e positivo na vida das persoas” -salientou o galardoado-.

O traballo premiado aborda o reto da planificación mediante técnicas avanzadas de optimización por restricións. Integra, por vez primeira e de xeito simultáneo, a fabricación dos bloques, a capacidade real dos almacéns intermedios e a estratexia de montaxe en bancada. Ten a súa orixe nun estudo de investigación que deu lugar ao desenvolvemento completo da metodoloxía e a posteriores publicacións científicas en revistas internacionais de referencia da editorial Taylor & Francis, entre elas o International Journal of Production Research e Ships and Offshore Structures. A investigación, que forma parte da tese de doutoramento de Javier Pernas Álvarez, foi codirixida por Diego Crespo, investigador do CITENI, e José Antonio Becerra, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

A metodoloxía desenvolvida permite xerar plans de produción factibles e de alta calidade en tempos razoables para proxectos de grande envergadura. Os resultados demostran que unha boa planificación pode reducir significativamente os recursos necesarios e evitar saturacións críticas nos espazos de traballo, algo imposible cos métodos tradicionais.

O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da UDC Javier Pernas desenvolveu unha metodoloxía que optimiza a planificación de tarefas na construción de buques e que pode ter aplicación noutros sectores
O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da UDC Javier Pernas desenvolveu unha metodoloxía que optimiza a planificación de tarefas na construción de buques e que pode ter aplicación noutros sectores