Ferrol, 8 de xaneiro de 2025.- Mellorar a atención terapéutica da infancia e da mocidade que é derivada polos Equipos Técnicos de Menores da Xunta de Galicia. Este é o principal obxectivo do Programa de Avaliación e Tratamento Terapéutico a Menores en Risco ou Desamparo que lidera, nas catro provincias galegas, a Universidade da Coruña (UDC), a través da súa Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol.
Nesta iniciativa, financiada pola Xunta de Galicia e máis polo Fondo Social Europeo Plus, tamén poden participar as familias biolóxicas ou acolledoras destas persoas menores de idade, así como os profesionais que se ocupan delas: persoal educador, traballadores sociais e persoal dos centros de acollemento residencial ou dos centros de día.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, a vicedecana de Organización Académica e Estudantes, Emma R. Maseda, e o director da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), o profesor Valentín Escudero, recibiron, este mércores, no Campus Industrial de Ferrol, ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e á delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, quen quixeron coñecer de primeira man as instalacións desde as que se dirixe e pilota a atención terapéutica das persoas menores de idade que participan neste programa.
Ao longo da visita, o director xeral de Familia, Jacobo Rey, sinalou que este é un programa de referencia en Galicia e que coa súa posta en marcha, “a nosa comunidade foi pioneira en España”. Nesta liña, o director da UIICF, Valentín Escudero, explicou que este modelo “sumamente respectuoso coas persoas implicadas” está a ser replicado noutras comunidades autónomas. Do mesmo xeito, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, destacou que esta colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña permitiu pór en marcha outras moitas propostas, como pode ser o Programa Afrontemos, unha iniciativa de atención psicolóxica dirixida a toda a comunidade universitaria e ás súas familias.
Un servizo de investigación aplicada: atención gratuíta e especializada
A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) é un servizo de investigación aplicada que ofrece atención gratuíta e especializada ás familias. A súa misión é a de investigar como mellorar a atención terapéutica e educativa ás familias, así como a de formar a profesionais neste campo. Do mesmo xeito, ofrece unha intervención de calidade no que atinxe ás relacións de parella, aos problemas psicolóxicos, o maltrato, o falecemento dun familiar, aos problemas escolares ou ás dificultades na adolescencia.
A UIICF, adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, é un Centro Sanitario autorizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para os servizos de psicoloxía clínica e sanitaria. O profesor Valentín Escudero dirixe un equipo integrado por dous profesores de Psicoloxía e Ciencias da Saúde, no que colaboran unha psiquiatra, catro psicólogos, dúas educadoras sociais e unha coordinadora administrativa, que se encarga tamén da atención ás persoas usuarias.
