A UDC e Navantia valoran positivamente os avances acadados nas liñas de traballo do seu Centro Mixto de Investigación

Ferrol, 23 de xaneiro de 2025.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu este xoves unha Xornada Técnica de Traballo do Centro Mixto de Investigación UDC – Navantia (CEMI UDC – Navantia), un evento de difusión no que se analizaron os principais fitos acadados neste último ano e no que tamén se puxo enriba da mesa a posible folla de ruta para este 2025, data na que remata esta experiencia, iniciada en 2022 como herdeira da Unidade Mixta de Investigación (UMI).

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, e o director do estaleiro de Ferrol, Eduardo Dobarro, inauguraron unha xornada técnica na que se presentaron as liñas de investigación do CEMI UDC – Navantia, agrupadas en tres eidos: o Xemelgo Dixital de Produto, o Xemelgo Dixital de Planta e Proceso e Novos Procesos, orientados todos eles a cubrir as necesidades específicas do estaleiro con tecnoloxías de vangarda.

Ao longo da súa intervención, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, lembrou os obxectivos dun encontro que pretende visibilizar todo o traballo feito e converterse nun espazo no que crear novas sinerxías entre as distintas liñas de investigación, así como planificar o futuro da man de Navantia e en colaboración coa Xunta de Galicia.

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, puxo en valor o papel das Unidades Mixtas de Investigación desde a súa posta en marcha, subliñando o apoio prestado a 55 unidades nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento mobilizando un investimento total de preto de 155 millóns de euros.

O director do estaleiro de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, valorou a importancia da innovación para competir internacionalmente e a contribución do CEMI ao ecosistema naval da cidade, punteiro a nivel mundial. “Para Navantia, a colaboración coa Universidade é fundamental, un viveiro de coñecemento e de talento para o estaleiro de Ferrol”.

de esquerda a dereita, o director do estaleiro de Ferrol, Eduardo Dobarro, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, lugar onde tivo lugar a Xornada de Traballo do CEMI UDC – Navantia.
de esquerda a dereita, o director do estaleiro de Ferrol, Eduardo Dobarro, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, lugar onde tivo lugar a Xornada de Traballo do CEMI UDC – Navantia.