Ferrol, 21 de xaneiro de 2025.- Un total de 491 nenos e nenas, derivados polos Equipos Técnicos de Menores da Xunta de Galicia, recibiron atención psicoterapéutica ao longo do ano 2024 no marco do Programa de Avaliación e Tratamento Terapéutico a Menores en Risco ou Desamparo que lidera, nas catro provincias galegas, a Universidade da Coruña (UDC), a través da súa Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol.
Segundo os datos extraídos do último informe anual do Programa de Avaliación e Tratamento a Menores en Risco ou Desamparo, a provincia da Coruña concentra o maior número destas derivacións cun total de 196 solicitudes de atención psicoterapéutica. En segunda posición figura a provincia de Pontevedra cunha cifra que ascende ata as 154. Por último, en terceiro e cuarto lugar sitúanse, segundo este documento de traballo, as provincias de Ourense e de Lugo, con 76 e 67 solicitudes, respectivamente.
A día de hoxe, este programa, financiado pola Xunta de Galicia e máis polo Fondo Social Europeo Plus, dispón dun total de 10 centros colaboradores de atención psicoterapéutica situados nas sete grandes cidades galegas. A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), emprazada no Campus Industrial de Ferrol, funciona como centro de dirección e tamén como espazo piloto para a atención psicoterapéutica destes nenos e nenas en situación de risco ou desamparo. Por cidades, a de Vigo é que maior porcentaxe de sesións de terapia ofreceu en 2024 cun 22%. En segundo lugar figura a cidade da Coruña, cun 20%. A terceira, cuarta e quinta posición ocúpana Ourense, Lugo e Santiago, cun 15%, 14% e 11%, respectivamente. Por último, as cidades de Pontevedra e de Ferrol, aglutinaron, cada unha delas, o 9% do total das atencións psicoterapéuticas levadas a cabo.
No informe de 2024 do Programa de Avaliación e Tratamento Terapéutico a Menores en Risco ou Desamparo tamén se indica que do total de persoas derivadas polos Equipos Técnicos de Menores da Xunta de Galicia 289 son nenas e 202 son nenos. Nesta liña, o documento de traballo tamén salienta que case o 40% se mantén coa súa familia de orixe durante todo o tratamento, mentres que o 26% está cunha familia de acollida. En relación coas medidas de protección, o 35% dos casos teñen unha situación administrativa de tutela e o 14% están en garda. Do mesmo xeito, o 41% das derivacións teñen unha medida de apoio técnico e só un 9% teñen un neno ou nena con medidas xudiciais.
Tal e como indica o director da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), o profesor e investigador da Universidade da Coruña (UDC) Valentín Escudero, nos anos 2023 e 2024, este programa xestionou un total de 961 tratamentos terapéuticos e máis de 14.400 sesións de terapia. Ao seu remate, previsto para 2026, estas cifras ascenderán, segundo o acordado no concerto social, ata os 1.880 tratamentos e ata un mínimo de 20.000 sesións de terapia. Estes datos serven para consolidar un servizo que pretende ser eficaz, eficiente e sostible dentro da estrutura de servizos sociais e de protección á infancia.
Un servizo de investigación aplicada: atención gratuíta e especializada
A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) é un servizo de investigación aplicada que ofrece atención gratuíta e especializada á comunidade universitaria e a persoas derivadas por determinados organismos ou institucións. A súa misión é a de investigar como mellorar a atención terapéutica e educativa ás familias así como a de formar a profesionais neste campo. Do mesmo xeito, ofrece unha intervención de calidade no que atinxe ás relacións de parella, aos problemas psicolóxicos, o maltrato, o falecemento dun familiar, aos problemas escolares ou ás dificultades na adolescencia.
A UIICF, adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, é un Centro Sanitario autorizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para os servizos de psicoloxía clínica e sanitaria. O profesor da Universidade da Coruña (UDC) Valentín Escudero dirixe un equipo integrado por dous psicólogos e dúas psicólogas, unha enfermeira especializada en coidado familiar e máis por unha administrativa que se encarga da atención ás persoas usuarias.
