A Coruña, 7 de abril de 2026.- O Campus de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro 7 de maio o Festival Afrontemos, unha xornada de concienciación e promoción da saúde mental dirixida á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.
O evento, organizado polo programa Afrontemos, ten como obxectivo principal fomentar a comprensión de como funciona a saúde mental e cales son as claves para coidala. Neste sentido, desde a organización sublíñase que a saúde mental non é unha realidade exclusivamente individual, senón que se constrúe nas relacións e no ámbito comunitario, sendo responsabilidade tanto persoal como colectiva.
Ao longo da xornada abordarase o coñecemento da saúde mental desde unha perspectiva multidisciplinar, combinando contidos reflexivos con propostas lúdicas e participativas. O programa inclúe charlas, talleres prácticos e actividades baseadas en diferentes linguaxes artísticas, como o cómic, a música —a través do ritmo e a percusión—, o cine de animación ou o teatro.
A asistencia ao Festival Afrontemos é aberta a todas as persoas interesadas, aínda que terán prioridade o estudantado e o persoal da UDC. A entrada será gratuíta ata completar o aforo, sendo necesaria a inscrición previa mediante un formulario dixital.
Programa e participantes
A xornada contará coa participación de profesionais do ámbito da psicoloxía, a cultura e as artes escénicas. O director do programa Afrontemos, Valentín Escudero, profesor da UDC, será o encargado de abrir o evento coa presentación participativa titulada “Por que non me fai caso o meu cerebro”.
Durante a mañá desenvolveranse diversos talleres simultáneos dirixidos por profesionais da psicoloxía, centrados na xestión da ansiedade na vida cotiá, os primeiros auxilios en saúde mental e a identificación e xestión de relacións saudables.
O programa inclúe tamén a intervención de José Eduardo Rodríguez Otero, especialista en conduta suicida e psicólogo clínico da Unidade de Prevención de Conduta Suicida do SERGAS na área sanitaria de Vigo, quen abordará esta problemática desde unha perspectiva profesional e asistencial.
Pola súa banda, Pedro Campos Acosta, músico e creador do “Método Percuterapia”, ofrecerá unha proposta baseada na práctica rítmica como ferramenta para a regulación emocional e a estimulación cognitiva, integrando principios da neurociencia e da aprendizaxe experiencial.
No ámbito artístico, a ilustradora e autora Bea Lema participará cunha sesión arredor da súa obra “O Corpo de Cristo”, galardoada co Premio Nacional do Cómic en 2024, na que aborda a saúde mental desde unha perspectiva persoal e social. A súa participación incluirá tamén a proxección da curtametraxe homónima, seguida dun coloquio.
A xornada concluirá coa representación da obra “Mama Cora”, a cargo da compañía Opaí Teatro, baixo a dirección de Cristina Mariño. A peza, que combina humor e crítica social, aborda cuestións relacionadas co coidado das persoas maiores, as relacións familiares e a saúde mental, e será seguida dun coloquio coa súa directora.
Afrontemos
O programa Afrontemos é un servizo de atención e apoio psicolóxico gratuíto para todas as persoas que forman parte da Comunidade UDC. Está formado por un equipo de especialistas en psicoloxía clínica e sanitaria e ten como obxectivo contribuír a facer fronte ás dificultades psicolóxicas mediante a avaliación e o asesoramento.
A solicitude de atención pode xestionarse por teléfono ou email e a persoa que entra no programa realiza ata seis sesións de terapia, xa sexa presencial ou online.
Desde o seu inicio en 2021, recibiron atención terapéutica 538 persoas, na súa maioría estudantes da UDC.
