Ferrol, 12 de xuño de 2025-. Co obxectivo de recoñecer e impulsar a calidade daquelas iniciativas de innovación docente que empreguen a metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo (ApS) dentro do marco curricular, a Universidade da Coruña (UDC) convocou a cuarta edición duns premios que distinguen estes proxectos, aprobados nalgunha das convocatorias de certificación impulsadas pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización nos cursos 2022/23 e 2023/24, nas modalidades de Sustentabilidade e Concienciación Medioambiental, Sensibilización e Educación para a Cidadanía e na Redución das Desigualdades.
A Aula Magna da Facultade e Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolleu este xoves o acto de entrega dos IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe e Servizo (ApS) na Universidade da Coruña (UDC). Un emotivo evento presidido polo vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle; pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; e máis pola concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, ao que se sumaron, para a entrega dos galardóns, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a directora da Cátedra Empresa Familiar, Berta Rivera; e o director da Cátedra Hijos de Rivera, José Benito Pérez.
Na modalidade de Sustentabilidade e Concienciación Medioambiental resultaron galardoados, co primeiro premio, o proxecto “O Monte Cambeiro: Un parlamento de Cousas”, impulsado polos docentes da Facultade de Socioloxía, José Antonio Cortés, Elvira Santiago e Carlos Díz. O segundo galardón recaeu no proxecto “Instalación sonora viaxe especial, unha experiencia creativo-sensorial con nenos e nenas de Educación Infantil”, promovido polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación, Vicente Castro e Rocío Chao.
No eido da Sensibilización en Educación para o Desenvolvemento resultou gañador o proxecto “Cartografía Corporal: dos discursos de odio a un lecer compartido”, promovido polas profesoras Laura Cruz e María Barba. O segundo premio foi para “Agra: un barrio de coidados. Fortalecidas capacidades para a defensa do Dereito de Hábitat no marco da Axenda 2030-ODS”, detrás do que están os docentes Antía Domínguez, Laura Cruz, Natalia Yanaina, Carlos Díz, Mónica Fernández, Antía Pérez, José Antonio Cortés, Raúl Rey, Clara Bobillo, Tina Magazzini, Andrea Souto, Montserrat Golías e Kenia Espiñeira.
Por último, na liña de traballo centrada na Redución de Desigualdades resultaron premiados, co primeiro galardón, o proxecto “Unha proposta de Aprendizaxe e Servizo na formación de educadores e educadoras: colaboración entre a UDC, a Asociación Cuarto Mundo e os municipios da Comarca da Ulloa”, impulsado polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación, Eva Espiñeira, Rocío Bellón, José Luis Martín e Patricia Coucheiro. O segundo premio foi para o proxecto “Un TFG para o desenvolvemento de xogos para persoas con diversidade funcional e cognitiva” promovido pola profesora da Facultade de Informática, Adriana Dapena.
