A UDC reúne esta semana en Ferrol a referentes en física de polímeros nun encontro científico promovido polo CITENI

Ferrol, 13 de maio de 2025.– A Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle esta semana a primeira edición da Ferrol Discussion Meeting on Polymer Physics, un foro científico que convoca 23 especialistas en física de polímeros procedentes dalgúns dos principais centros de investigación, institutos e universidades do país.

O encontro, de carácter académico e no cal se participa por invitación, organízao o investigador Jaime Martín, do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña, co apoio dun comité científico

composto por Daniele Cangialosi (Centro de Física de Materiais, CFM-CSIC), Aurora Nogueiras (Instituto de Estrutura da Materia, IEM-CSIC) e o propio Jaime Martín.

Durante as tres xornadas do congreso —do 13 ao 15 de maio—, as persoas participantes presentarán e debaterán investigacións recentes, metodoloxías emerxentes e ideas en desenvolvemento nun formato que fomenta o intercambio crítico e construtivo. Os relatorios convidados abordarán cuestións fundamentais no campo da física de polímeros, que inclúen, dun lado, estudos experimentais e teóricos, amais de sobre procesos de relaxación, comportamento estrutural e reoloxía; e, do outro, o exame do seu impacto na eficiencia enerxética, o avance tecnolóxico e a sustentabilidade.

Centros de referencia en física de polímeros

O persoal investigador participante no encontro provén dunha ampla rede institucional que inclúe o Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros (ICTP-CSIC), o Instituto de Estrutura da Materia (IEM-CSIC), o Instituto de Química Física Rocasolano (IQFR-CSIC), o Centro de Física de Materiais (CFM-CSIC), o Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona (ICMAB-CSIC), o Instituto Catalán de Nanociencia e Nanotecnoloxía (ICN2), a Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), a Universidade de Valladolid (UVA), a Universidade Complutense de Madrid (UCM), a Universidade de Vigo, a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), o centro Polymat da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) e a Universidade da Coruña (UDC), entre outras.

O CITENI-UDC está representado por María José Abad, Jaime Martín e Vincenzo Calabrese, como persoal investigador principal; e dous investigadores posdoutorais, Matteo Sanviti e Jorge Olmedo, que tamén participan como relatores no programa.

Ferrol como referente científico

Esta mañá presidiron a sesión inaugural, Ana I. Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña —quen ademais forma parte do Grupo de Polímeros do CITENI—, e o organizador científico, Jaime Martín.

Ana Isabel Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da UDC, destacou o seguinte: “este congreso reforza o papel das persoas investigadoras do CITENI como referentes na organización de eventos científicos de alto nivel, tal e como se demostrou o verán pasado con congresos internacionais que atraeron participantes de todo o mundo. Albergar esta primeira edición das Xornadas de Física de Polímeros no Campus Industrial de Ferrol é motivo de orgullo e consolida o noso campus e a nosa cidade como espazos chave para o intercambio de coñecemento e o fomento de novas colaboracións en ciencia e tecnoloxía”.

Jaime Martín, organizador e coordinador científico do congreso, agregou: “iniciar este foro de discusión na cidade de Ferrol é un paso importante. As Xornadas de Ferrol sobre Física de Polímeros non só serven como un punto de encontro para o persoal investigador, senón tamén para fortalecer a visibilidade da nosa cidade no ámbito científico. Estou convencido de que este evento será chave para fomentar o debate aberto e situar Ferrol como un referente de investigación en física de polímeros”.

Espazos para o intercambio informal

Ademais do contido académico, o programa inclúe espazos de convivencia e intercambio informal, como por exemplo unha visita guiada pola contorna de Ferrol e unha cea de gala. Como acto previo, o luns 12 tivo lugar un cóctel de benvida para todas as persoas participantes no encontro.

o persoal investigador que asiste á primeira edición do Ferrol Discussion Meeting on Polymer Physics participa en tres intensas xornadas de intercambio científico arredor da física de polímeros. A cita ten lugar do 13 ao 15 de maio no Campus Industrial de Ferrol.
o persoal investigador que asiste á primeira edición do Ferrol Discussion Meeting on Polymer Physics participa en tres intensas xornadas de intercambio científico arredor da física de polímeros. A cita ten lugar do 13 ao 15 de maio no Campus Industrial de Ferrol.

 

Jaime Martínez, investigador do CITENI da UDC
Jaime Martínez, investigador do CITENI da UDC