A Universidade da Coruña amplía ao Campus Industrial de Ferrol a realización de probas rápidas de VIH e VHC para toda a comunidade universitaria

A Coruña, 15 de novembro de 2023.- A Universidade da Coruña ofrece desde o pasado mes de outubro a todos os membros da comunidade universitaria a posibilidade de realizarse probas rápidas de diagnóstico dos virus VIH e Hepatite C no Edificio de Servizos Centrais de Investigación do Campus de Elviña.

A partir de mañá xoves, día 16 de novembro, esta iniciativa estenderase ao Campus Industrial de Ferrol, en horario de 10:00 a 13:00 horas, no andar -0.4 do Edificio de Apoio ao Estudo. Estas probas rápidas de saliva permiten a detección dos dous virus, teñen unha duración aproximada de 20 minutos e desenvolveranse de xeito anónimo e confidencial. As persoas interesadas en realizalas deberán solicitar cita chamando ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao teléfono 698140251.

Esta iniciativa para detectar os virus VIH e VHC a través de probas rápidas está organizada pola Unidade de Atención á Diversidade da Universidade da Coruña e conta coa colaboración da asociación Alas Coruña, a Federación Española LGTBI+, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.