A Universidade da Coruña e a Fundación Luis Monteagudo únense para impulsar actividades no arqueódromo do Centro Torrente Ballester

A Coruña, 12 de xaneiro de 2026.- A Universidade da Coruña e a Fundación L. Monteagudo asinaron esta mañá un convenio de colaboración para ao mantemento do arqueódromo do Centro Torrente Ballester, que levará o nome do arqueólogo coruñés Luis Monteagudo, e para o desenvolvemento de diferentes actividades. Así se reflicte no documento asinado esta maña polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e o presidente da Fundación L. Monteagudo, Alfredo Erias.

Esta iniciativa, que prevé unha duración inicial de tres anos por un importe total de 57000 euros, complementará as actuacións desenvolvidas a través da Cátedra Institucional de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da UDC-Concello de Ferrol, dirixida polo profesor da UDC, Juan Luis Montero Fenollós.

Tal e como recolle o texto, no marco do convenio desenvolveranse visitas guiadas ao Castro de Tralocastro e outras actividades de difusión e didáctica da Cátedra.

O  arqueódromo, instalado no Centro Torrente Ballester de Ferrol, é un dos proxectos centrais da cátedra  e forma parte da recentemente creada Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra.

Sobre a Cátedra e a Fundación

A Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial UDC-Concello de Ferrol, creada no ano 2022, ten como finalidade intercambiar experiencias nos campus da docencia, a investigación e a cultura en xeral promovendo a creación e xestión dunha Escola de Arqueoloxía en Ferrol, así como o estudo, a conservación, a difusión e a valorización do patrimonio arqueolóxico en xeral e da cidade de Ferrol en particular.

Pola súa banda, a Fundación, creada en 2013 polo arqueólogo Luis Monteagudo, ten como principais fins a investigación e os estudos de Prehistoria, Historia e Filoloxía de Galicia, así como a defensa, conservación, posta en valor e divulgación do Patrimonio Cultural Galego.

Ambas as dúas entidades subscribiron un convenio de colaboración complementario á Cátedra Institucional de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da UDC-Concello de Ferrol
Ambas as dúas entidades subscribiron un convenio de colaboración complementario á Cátedra Institucional de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da UDC-Concello de Ferrol