A Coruña, 20 de febreiro de 2026.- A Universidade da Coruña e a empresa Gabadi, con sede en Narón, únense para crear a Cátedra Gabadi-UDC. Unha alianza coa que institución académica e empresa buscan tres obxectivos estratéxicos: posicionar a Galicia como referente na habilitación de mega iates e cruceiros e fortalecer o nivel formativo da rexión neste eido; impulsar a innovación e transferencia en interiorismo naval e establecer unha rede estable entre universidade e empresas do sector marítimo.
Así quedou reflectido no acordo asinado hoxe entre o reitor da UDC, Ricardo Cao, e o CEO de Gabadi, Antonio José Llago Hermida, nun acto de firma celebrado hoxe no Campus Industrial de Ferrol. Un acto que contou tamén coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares e o director do Campus Industrial, Marcos Míguez.
No marco da cátedra promoveranse actividades de formación relacionadas coa habilitación naval de alta gama, desenvolvendo programas formativos orientados á habilitación de mega iates e cruceiros, integrando deseño, sustentabilidade e normativa internacional.
Contribuirase así mesmo á formación práctica do estudantado mediante practicas curriculares e extracurriculares en diferentes proxectos reais de habilitación naval. Tamén se promoverán premios e concursos para o talento mozo.
Outro dos eidos de traballo desta cátedra será o fomento da innovación aplicada ao sector naval mediante proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación de materiais. Impulsarase tamén a presenza en feiras e encontros de carácter internacional co fin de posicionar a Galicia neste sector.
Para o reitor da UDC, Ricardo Cao, esta cátedra supón “un paso máis na estratexia da Universidade da Coruña por reforzar a colaboración coa contorna produtiva e contribuír activamente ao desenvolvemento económico e industrial de Galicia”.
A colaboración con Gabadi, empresa naronesa con forte implantación internacional “reforza o papel da UDC como axente de transferencia de coñecemento e motor de talento cualificado, neste caso da man dun referente nun sector con grande proxección de futuro”.
Pola súa banda, o CEO de Gabadi, Antonio José Llago Hermida, destacou que “esta colaboración coa Universidade da Coruña representa unha aposta decidida polo talento e pola especialización do futuro do noso sector. En Gabadi cremos firmemente na importancia de tender pontes entre empresa e universidade para impulsar a innovación e garantir profesionais altamente cualificados”.
Así mesmo, subliñou “o valor estratéxico de sumar esforzos con institucións como o Campus Industrial de Ferrol da UDC, un ecosistema clave para fortalecer a competitividade do naval galego e consolidar a Galicia como referente internacional en habilitación e interiorismo naval”.
Para o desenvolvemento de todo o plan de actuación, prevese un investimento anual de 20.000 euros. A dirección da cátedra correrá a cargo de Lucia Santiago Caamaño, profesora e investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría, adscrito ao CITENI.
Sobre Gabadi
Gabadi é unha empresa do sector naval con máis de 35 anos de traxectoria. Con sede en Narón (A Coruña), está dedicada á habilitación naval para o sector militar e civil, incluíndo barcos de servizos (oceanográficos), de recreo e de turismo, como iates e cruceiros. Tamén fabrican tanques de terra e barcos para o transporte de gas natural licuado. Ten filiais en China e Canadá.

