A Universidade da Coruña e Ghenova renovan por catro anos a Cátedra “Industria 4.0”

A Coruña, 17 de xuño de 2025.- A Universidade da Coruña (UDC) e a empresa Ghenova Ingeniería, S.L.U. veñen de renovar por un período de catro anos o convenio de colaboración que regula a Cátedra Ghenova UDC de Industria 4.0, asinada por primeira vez no ano 2021. A prórroga foi formalizada nun acto celebrado no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, e do conselleiro delegado de Ghenova, Francisco Cuervas García.

A Cátedra “Industria 4.0” foi creada co obxectivo de desenvolver accións  formativas nos ámbitos da industria 4.0 e as novas tecnoloxías como a robótica, a IA, as tecnoloxías cognitivas, a nanotecnoloxía e o Internet das cousas (IoT). Asi mesmo, tamén trata de promover actividades de difusión nas empresas e na comunidade universitaria sobre a transformación industrial e na promoción das relacións co ámbito iberoamericano da enxeñaría naval, en particular co Instituto Panamericano e a Enxeñaría Naval (IPIN).

Para o adecuado desenvolvemento dos seus fins poñeranse ao dispor da Cátedra as instalacións da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF), situada no Campus Industrial de Ferrol da UDC.

Entre as iniciativas levadas a cabo no marco desta colaboración destacan tres edicións do curso sobre xemelgo dixital, a organización dunha xornada sobre ciberseguridade dirixida a profesionais e alumnado, ou a participación en múltiples congresos internacionais. Así mesmo, a Cátedra participou na organización do IV Congreso Iberoamericano de Enxeñaría Naval e na edición dun libro cos relatorios deste encontro, publicado pola editorial Springer.

Esta renovación consolida a continuidade dun proxecto estratéxico para a proxección internacional da UDC e a innovación no tecido industrial galego.

Sobre GHENOVA

GHENOVA é unha empresa internacional con sede en Sevilla que ofrece servizos multidisciplinares de enxeñaría e consultaría con máis de 500 empregados, dos que o 80% son enxeñeiros. As liñas de negocio son Naval e Defensa, Enerxía e Industria, Transformación Dixital e Infraestruturas. Traballa en proxectos internacionais en máis de 25 países, desenvolvendo 900.000 horas de enxeñaría e consultaría ao ano.

Ten unha longa vinculación con Galicia, con oficinas en Ferrol e Vigo con preto de 150 profesionais, ademais de contar con sedes en diferentes países como Brasil, Colombia, Bolivia e Australia.

A aposta pola diversificación, a sinerxía entre as áreas de negocio e a innovación continua sitúan a GHENOVA entre as empresas líderes de Enxeñaría en Europa e Iberoamérica.

O convenio reforza a colaboración en formación, investigación e transferencia de coñecemento no eido da industria 4.0 e a enxeñaría naval
O convenio reforza a colaboración en formación, investigación e transferencia de coñecemento no eido da industria 4.0 e a enxeñaría naval