A Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol impulsan unha terceira campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro de Esmelle

Ferrol, 15 de xullo de 2025.- Este luns, 14 de xullo, daba comezo a terceira campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, da man da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol. Este antigo poboado fortificado conforma, xunto cos castros costeiros de Santa Comba e de Lobariz, un triángulo fundamental para entender a ocupación do territorio occidental da cidade durante a Idade de Ferro.

Un ano máis, dirixen esta campaña de escavacións arqueolóxicas na parroquia de San Xoán de Esmelle o profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e o investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez. Como ven sendo habitual, o primeiro ocupa o posto de director científico e o segundo o de director técnico.

Xunto a eles, e ata o próximo 1 de agosto, traballará un equipo de preto de 20 persoas, principalmente, estudantado universitario, mozos e mozas xa titulados, así como persoal investigador vinculado á Universidade da Coruña. Con todo, nesta terceira campaña tamén participa alumnado da Universidade de Jaén (UJA) e da University of Melbourne (Australia).

Tal e como explica o director científico da campaña e director da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, Juan Luis Montero Fenollós, “o traballo previsto para as próximas semanas inclúe completar a escavación do sector da porta do castro e sacar á luz unha casa castrexa situada na croa. A maiores, “ se todo vai segundo o previsto, no mes de setembro comezaremos coa consolidación e restauración da zona de acceso ao castro para que este poda ser visitado en condicións óptimas”.

As campañas arqueolóxicas levadas a cabo nos anos 2023 e 2024 centráronse en varias construcións situadas entre a muralla da croa e a segunda liña de muralla do castro. Neste ámbito, identificouse un complexo sistema de acceso, composto por unha gran estrutura alongada, de planta rectangular, e unha segunda estrutura de menores dimensións. O sistema de acceso amosa un contexto particularmente monumental que evidencia a capacidade de planificación construtiva das persoas que o habitaron. Tamén se atopou un camiño empedrado, en moi bo estado de conservación.

O xoves 31 de xullo, ás 12:00 e ás 16:00 horas, está programada cadansúa visita guiada e gratuíta ao Castro de Esmelle. O punto de encontro será o local da Asociación de Veciños Val de Esmelle. A maiores, todas aquelas persoas que queiran seguir o día a día das escavacións arqueolóxicas poden facelo, ao igual que nas dúas primeiras campañas, a través da páxina web da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial.

o director científico, o profesor da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e o director técnico, e o investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, xunto con algunha das persoas que integran o equipo técnico que participa nesta terceira campaña arqueolóxica. Imaxe: Eloy Taboada.

A Universidade da Coruña (UDC) e o Concello de Ferrol impulsan uns traballos de escavación que comezaron este luns, 14 de xullo, e que se estenderán ata o vindeiro venres 1 de agosto. Imaxe: Eloy Taboada.