A Universidade da Coruña impulsa o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais do Campus Industrial de Ferrol

  • O Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) do Campus de Ferrol pasa a ser agora o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) ampliando o seu ámbito de actuación.

 

A Coruña, 27 de setembro de 2022.- A Universidade da Coruña impulsa o centro de investigación do Campus Industrial de Ferrol, anteriormente chamado CIT, que pasará a denominarse Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), segundo avanzou esta mañá o reitor Julio Abalde.

Este cambio de denominación responde a unha nova estratexia para ampliar e recoller todas as liñas de investigación relacionadas coa enxeñaría industrial, así como con outros ámbitos do Campus Industrial de Ferrol. O CIT transfórmase pois agora ademais de recoller todos os grupos de investigación do Campus de Ferrol aglutinará a investigadores de áreas relacionadas da UDC que se queiran adscribir ao Centro, como explicou o director Científico do CITENI, Armando Yáñez, quen xunto con Anne Gosset como directora técnica pivotarán o plan estratéxico do centro.

A nova envergadura do CITENI, manifestou Yáñez, permitirá poder optar a convocatorias de proxectos de investigación maiores e máis transdisciplinares.

 

CITENI

Actualmente, máis de cen investigadores están xa adscritos ao CITENI que ten catro liñas principais de investigación como son Tecnoloxías Navais e Industriais, Procesos industriais e loxística, Enerxía e transporte sustentable e Materiais. Os principais sectores de traballo aos que dedican os seus esforzos os distintos grupos de investigación son a Construción Naval, Desenvolvemento e implementación da industria 4.0, Enxeñaría dos materiais, Produción de Enerxía e Saúde no contorno laboral.

O CITENI conta cunha infraestrutura singular que o caracteriza, a canle de ensaios hidrodinámicos. Esta instalación é unha das tres únicas que existen en España destinadas a ensaios con buques. A canle do CITENI ten 56 metros de lonxitude; 4,5 metros de ancho e 1,8 metros de profundidade. Ademais da realización de probas con prototipos de barcos, os grupos de investigación que traballan actualmente nesta canle dispoñen doutras liñas de actuación como as enerxías renovables mariñas, sistemas auxiliares e vehículos autónomos.

Dispón ademais de 15 laboratorios nos que os diferentes grupos desenvolven as súas liñas de investigación especializadas:

Canle de Ensaios Hidrodinámicos
Análise Estrutural [LAE]
Aplicacións Industriais do Láser [LAIL]
Bioenxeñaría Ambiental e Control de Calidade [Control Q – LabCom]
Ciencia e Enxeñaría de Materiais [CIM]
Enxeñaría Enerxética [INGEN]
Enxeñaría Mecánica [LIM]
Fabricación Aditiva
Fluídos
Organización da Produción
Plásticos [LABPLAST]
Polímeros Funcionais
Propiedades Térmicas e Reolóxicas dos Materiais [PROTERM]
Química
Sistemas Térmicos e Transferencia de Calor [SISTER]

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) está situado no Campus Industrial de Ferrol
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) está situado no Campus Industrial de Ferrol