A Universidade da Coruña participa no programa europeo IACOBUS cun grupo de investigación que engloba a cinco universidades de Galicia e Portugal

A Coruña, 28 de novembro de 2023.- A profesora da Universidade da Coruña Ana Jesús López Díaz, do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, CITENI, do Campus Industrial de Ferrol, participa nun equipo de investigación do que forman parte as tres universidades públicas galegas e dúas portuguesas.

O grupo está dirixido polo investigador da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e do Centro de Xeociencias da Universidade de Coimbra, David Martín Freire-Lista, e conta coa colaboración de Ana Jesús López, da Universidade da Coruña; Ezequiel Vázquez, da Universidade de Santiago de Compostela; Pablo Barreiro, da Universidade de Vigo; Rafael Moreira, da Universidade Nova de Lisboa; e as profesoras da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Eunice Salavessa e Maria do Rosário Costa.

O Programa IACOBUS ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e o intercambio entre os recursos humanos dos centros de ensino superior da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Así se conformou este equipo de expertos, que buscan afondar no estudo de materiais de construción utilizados nas igrexas rurais, tanto a nivel construtivo como pictórico, para obter información fidedigna e crear unha narrativa histórica capaz de atraer turismo e permitindo dinamizar o medio rural a través dos visitantes.

O grupo de investigación analizou cinco igrexas, utilizando técnicas non destrutivas e evitando xerar calquera tipo de dano. Segundo explica Ana Jesús López, cada vez é máis común ver como perpiaños, esculturas e frescos deteriorados polo paso de séculos “renacen” tras someterse a restauracións mediante ablación láser, que elimina de forma controlada as manchas que desvirtúan a obra. Neste sentido, o grupo multidisciplinar conta con esta profesora, pertencente ao Grupo de investigación Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser do Campus Industrial de Ferrol, da UDC.

Dentro dos últimos descubrimentos do grupo, está o levado a cabo na capela de Nossa Senhora dás Neves, en Vilar de Perdizes (Portugal), traballo que foi publicado recentemente na prestixiosa revista Heritage baixo o título “Mural Paintings Characterisation Using X-ray Fluorescence and Raman Spectroscopy—A Case Study: Nossa Senhora dás Neves Chapel, Vilar de Perdizes, Galicia—North Portugal Euroregion“. Neste artigo científico descubriuse o significado iconográfico das pinturas murais da Capela.

A interpretación contribúe á comprensión da vida rural na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a finais da Idade Media. O uso de técnicas espectroscopías, como fluorescencia de raios X e Raman, permitiu identificar a composición química das pinturas murais da Capela. As cores atopadas son as características da paleta pictórica da Eurorrexión de finais da Idade Media.

Outro dos exemplos máis recentes é a Igrexa de Nossa Senhora de Guadalupe de Mouçós, en Vila Real, unha igrexa románica de Tras-ou-Montes (Portugal). Grazas á análise dos seus perpiaños, esculturas e granitos de construción, os expertos identificaron diferentes fases construtivas que se sucederon ao longo dos séculos. O enfoque interdisciplinar actual tratará diversas liñas de investigación que aínda quedan por aplicar á maioría do patrimonio construído na Eurorrexión.

A profesora da Universidade da Coruña Ana Jesús López Díaz, do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, CITENI, do Campus Industrial de Ferrol
A profesora da Universidade da Coruña Ana Jesús López Díaz, do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, CITENI, do Campus Industrial de Ferrol