Ferrol, 12 de xaneiro de 2026.- O máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction – RESCO abre o prazo de inscrición para optar a unha das 25 prazas que oferta para o curso 2026/27. As persoas interesadas en cursar esta titulación internacional deberán formalizar a súa solicitude a través dun portal web xestionado pola Budapest University of Technology and Economics (BME), de Hungría, antes do 28 de febreiro. Ademais de estar en posesión dun título universitario de grao ou licenciatura en enxeñaría civil, enxeñaría mecánica, arquitectura ou similar, o potencial alumnado deberá acreditar un nivel B2 en inglés. Ao mesmo tempo, tamén poderán solicitar unha das 17 bolsas Erasmus Mundus que se ofertan e que cubrirán os gastos derivados da súa matrícula, mobilidade e manutención.
A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acollerá, a partires do curso 2026/27, o máster Erasmus Mundus RESCO, unha titulación internacional de dous cursos académicos de duración (120 ECTS) que pretende formar a un grupo de profesionais que sexan quen de deseñar infraestruturas sostibles para un futuro máis verde. O proxecto, financiado pola Comisión Europea, nace baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Budapest University of Technology and Economics (BME), de Hungría, pola Universidade da Coruña (UDC), de España, pola Universidade do Minho (UMinho), de Portugal, pola INSA Rouen Normardie, de Francia, e mais pola Université Le Havre Normardie (ULHN), tamén do país galo.
O máster Erasmus Mundus RESCO presenta un plan de mobilidade que levará ao estudantado a cursar o primeiro semestre en Hungría, o segundo en España e Portugal, o terceiro en Francia, e o cuarto en calquera país de Europa ou do mundo xa que, será durante este período, cando o alumnado realice as súas
prácticas curriculares e o seu Traballo Final de Máster (TFM). No que atinxe ao segundo semestre, o estudantado achegarase á construción sostible e a eficiencia enerxética na Universidade do Minho (UMinho), en Portugal, e na Universidade da Coruña (UDC), no Campus Industrial de Ferrol, da man do profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, esta última situada no campus coruñés. Pola súa banda, en Hungría afondarán nos fundamentos da enxeñaría civil e estrutural e en Francia especializaranse en enerxías renovables e enxeñaría civil.
Para levar a cabo todo isto, o consorcio contará co respaldo da empresa líder mundial en construción lixeira e sostible Saint-Gobain ISOVER, de Francia, da eléctrica Iberdrola, da empresa naronesa de reparación industrial e naval TUBACER, da produtora de aluminio Alcoa, e do Instituto Técnico de Galicia (ITG), de España. Tamén figuran nesa listaxe, CASAIS, GREENLAB e DST Group, de Portugal, e Skyborn Renewables e Cerema, de Francia.
A segunda titulación internacional Erasmus Mundus que se oferta na Universidade da Coruña
O máster Erasmus Mundus Renewable Energy and Sustainable Construction – RESCO é a segunda titulación internacional que se oferta na Universidade da Coruña (UDC) e que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). O alumnado da primeira promoción do máster Erasmus Mundus SustainablE ship And Shipping – SEAS 4.0 achegábase ao Campus Industrial de Ferrol no curso 2021/22 co obxectivo de afondar no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora ambiental no eido do sector naval, así como na construción e operación do buque. Detrás, un consorcio integrado pola Università degli Studi di Napoli Federico II, de Italia, pola Universidade da Coruña (UDC), de España, pola University of Zagreb, de Croacia, e máis pola Technische Universität Hamburg (TUHH), de Alemaña. A cuarta e última promoción deste título remata os seus estudos neste curso 2025/26.

