Ferrol, 29 de xaneiro de 2026.- A Universidade da Coruña (UDC) homenaxea, o próximo mércores 4 de febreiro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol, á pensadora, activista e escritora, considerada como a pioneira do feminismo e da xustiza social en España, Concepción Arenal (Ferrol, 31 de xaneiro de 1820 – Vigo, 4 de febreiro de 1893). Farao cun concerto aberto á toda a comunidade universitaria e público xeral interesado no que se poderá escoitar, por primeira vez, o Lied “Alma de Xustiza” composto para esta ocasión por Miguel Brotóns. A interpretación correrá a cargo da soprano Patricia Rodríguez e do pianista Alejo Amoedo.
O programa do acto inclúe tamén a interpretación doutros dous Lieder dedicados a outros dous ilustres escritores ferroláns, Gonzalo Torrente Ballester e Ricardo Carballo Calero que completan a triloxía composta polo catedrático de música e creador Miguel Brotóns. Con todo, cómpre sinalar que antes da interpretación desta trioloxía terá lugar unha mesa redonda sobre a figura de Concepción Arenal na que participarán a escritora Eva Ocampo e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol, Asunción L. Arranz.
Principios de xustiza, igualdade, educación e humanidade
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, define a Miguel Brotóns como “o creador dunha extensa produción sinfónica e liederística que dialoga coa palabra de Concepción Arenal desde a sensibilidade musical contemporanea”. E engade que o compositor e catedrático de música atopou neste proxecto “unha maneira de devolverlle a voz á autora, de permitir que os seus principios – xustiza, igualdade, educación, humanidade – resoen no presente a través dunha linguaxe sonora, profunda e vibrante”.
Ao longo da súa traxectoria, Miguel Brotóns recibiu numerosos recoñecementos, entre eles, o Premio da Cultura Galicia Ártabra 2018, o Premio da Música Mestre Gregorio Baudot 2019, o Premio Finalista do VI Concurso de Composición da FBM de Galicia, a Paleta de Prata Artística SAF 2023 e as insignias de ouro e prata das sociedades musicais Particella e A Amizade de Alacant.
