Ferrol, 12 de novembro de 2024.- Gael Alberto Quintela, alumno do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), acaba de acadar o primeiro galardón nos Premios Xuventude Crea 2024, na categoría de Creación de Videoxogos, que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, con Maestosia, un videoxogo no que experimenta coa música e o son como mecánicas xogables, abordando a saúde mental como tema principal.
Pola súa banda, Lois Barreiro, Tamara García, Alba Martínez, Lúa Pereira, Victoria Porteiro, Ezequiel Riveiro, Andrea Rodríguez, Javier Rodríguez, Carlota Velasco e Katarzyna Zieba, estudantes do Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos da Facultade de Ciencias da Comunicación no Campus da Coruña, obtiveron o segundo premio con A Hundred Days of Summer, unha proposta que xira arredor da exploración e o combate experimentado desde os ollos dun cativo con moita imaxinación.
O terceiro galardón do certame Xunventude Crea 2024, na categoría de Creación de Videoxogos, recaeu noutros dous alumnos do mesmo Grao da UDC, Laura Cuestas e Alberto Ferrer, quen presentaron Souri, unha demo en 3D de aventuras submariñas en terceira persoa protagonizada por un peixe.
O primeiro premio está dotado cun cheque por valor de 2.000 euros, o segundo con outro por un importe de 1.500 e o terceiro con 1.000 euros. A maiores, tamén se entregou un Premio de Honra que recaeu en Muspelheim, unha historia de aventuras centrada nun samurai que explora as ruínas dunha civilización antiga e enigmática que asina o vigués Adrián Vila.
