Alumnado do Campus Industrial de Ferrol analiza o caso de éxito da empresa de moda galega elPulpo en colaboración con estudantes de Canadá

Ferrol, 7 de febreiro de 2024.- Un total de 54 estudantes do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación multilingüe que se imparte desde o curso 2018/19 na Facultade de Humanidades e Documentación, están a realizar, no marco da materia de Xestión Contable e Financieira na Empresa de Moda e na de Marketing e Investigación de Mercados de Moda, un estudo de caso real centrado na empresa de moda galega elPulpo.

Desde hai pouco máis dunha semana, o alumnado do Campus Industrial de Ferrol está a traballar man a man con outros 89 estudantes da Toronto Metropolitan University de Canadá baixo a titorización dos profesores da Universidade da Coruña David Olegario Peón Pose, Cristina Anido Martínez e Manuel Escourido Calvo. Esta actividade formativa enmárcase dentro do Proxecto COIL (Collaborative Online International Learning), unha metodoloxía docente baseada na colaboración entre dúas universidades de distintos países na que participa activamente tanto o profesorado como o alumnado e na que se bota man da tecnoloxía e da interacción en liña.

Ao longo das próximas seis semanas, o alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda da Universidade da Coruña terá que presentarlle ao estudantado do Grao en Global Management Studies da Toronto Metropolitan University unha análise financeira da empresa elPulpo no marco do sector téxtil español co obxectivo de elaborar, de xeito conxunto, un plan estratéxico que puidese permitir ou facilitar a entrada da empresa galega no mercado da moda canadiense.

As reunións de traballo realizaranse a través da plataforma Zoom e nelas está previsto que participe a Global Sales Management da empresa galega elPulpo, Mónica Morán.

Aposta polo talento e a sustentabilidade

Tal e como indican desde elPulpo, o 90% das súas prendas son o resultado dun proceso de produción baseado na sustentabilidade e na responsabilidade ambiental, elaborando os produtos insignia da marca con materiais de orixe orgánico. Deste xeito, a empresa de moda galega aposta pola eliminación do uso de plásticos nos seus elementos de packaging, elixe para as súas prendas algodón certificado e orgánico case na súa totalidade, aposta pola fabricación en talleres de proximidade, bota man de fío e tecidos reciclados e incorpora elementos naturais na súas prendas, tales como vexetación autóctona ou mobiliario elaborado con madeira de batea reciclada.

De dereita a esquerda, os profesores da Universidade da Coruña, David Olegario Peón Pose, Cristina Anido Martínez e Manuel Escourido Calvo, titorizan aos 54 estudantes do grao en Xestión Industrial da Moda que participan neste proxecto COIL xunto con alumnado e profesorado da Toronto Metropolitan University de Canadá.
De dereita a esquerda, os profesores da Universidade da Coruña, David Olegario Peón Pose, Cristina Anido Martínez e Manuel Escourido Calvo, titorizan aos 54 estudantes do grao en Xestión Industrial da Moda que participan neste proxecto COIL xunto con alumnado e profesorado da Toronto Metropolitan University de Canadá.