Ferrol, 27 de setembro de 2024.- O alumnado do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), presenta os xogos “What the Hell” e “Platyfrog” na sétima edición da feira IndieDevDay de Barcelona, que está a ter lugar en La Farga de Hospitalet de Llobregat, desde hoxe, venres 27, ata o próximo domingo 29 de setembro. Ao longo destas tres xornadas, o público participante poderá visualizar os trailers e probar as demos destes dous proxectos nados como Traballos Fin de Máster no stand da Universidade da Coruña.
O estudo Nameless presenta “What the Hell”, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e puzzles ambientado nos infernos de Dante. Detrás deste título está o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Lara Fernández Romero, Manuel Fernández Veiga, Natalia Froiz Míguez, Miguel González Obenza, Paula Martínez Taboada, Teresa Pecker Gayarre, Albert Ramírez Rivero e Alberto Tajuelo Real.
Pola súa banda, o estudo Piña Colada presenta “Platyfrog”, un xogo de aventuras e plataformas 3D onde un ornitorrinco chamado Firu e unha ra de nome Ben, integrantes de dúas civilizacións rivais, terán colaborar para sobrevivir. Integran o equipo de traballo os tamén estudantes do Campus Industrial de Ferrol Laura Bey Senra, Andrea Fernández Mariño, Álvaro Hayek Alfonso, Sofía Pelegrín Mellado, Paula Portal Ruíz, Anllelo A. Reina Montañez, Viviana Rodríguez Domínguez e Eduard A. Sánchez Maya.
Mellor Proxecto Académico e Premio ao Videoxogo máis Cozy en 2023
Na pasada edición da IndieDevDay de Barcelona dous proxectos nados no Campus Industrial de Ferrol da acadaron cadanseu premio. Así, “Quack Time Event”, un videoxogo de plataformas e quebracabezas en primeira persoa ambientado nun templo en ruínas de onde o xogador ou xogadora ten que saír botando man dos poderes espazo-temporais que lle concede un deus representado por un pato de goma conseguiu o Premio ao Mellor Proxecto Académico.
Pola súa banda, “Avy, fábulas da noite”, un videoxogo de plataformas, puzzles e aventuras no que o xogador ou xogadora se achega a un mundo de xoguete onde non todo é o que parece, acadou o Premio ao Videoxogo máis Cozy. Este último título, nado igual que o resto como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), logrou tamén o galardón ao Xogo coa Mellor Arte na X Edición do Premios iokool PlayStation Talents que promove Sony Interactive Entertainment España.
A feira do videoxogo independente máis grande de España
En pouco máis de cinco anos, a IndieDevDay pasou de ser un pequeno encontro de estudos independentes no Triangle de Barcelona a converterse no maior evento indie a nivel nacional, reunindo na súa última edición en La Farga de Hospitalet de Llobregat a máis de 12.000 participantes nun espazo de 8.500 metros cadrados. Nesta ocasión, o público asistente á feira poderá visitar 155 stands e probar un total de 190 xogos. A maiores, os estudos que presentan os seus videoxogos no evento terán a posibilidade de reunirse con distintos publishers e de participar nunha feira de emprego.